Opinión

Inflación, desemprego, impostos e flocos de millo

Martxelo, Vicent, os datos relativos ao desemprego no primeiro trimestre do ano adiantan novas incógnitas no ciclo económico. As lecturas triunfalistas do funcionamento do mercado de traballo fican sen argumentos unha vez coñecida a destrución de máis de 100.000 empregos entre xaneiro e marzo, até o punto de situarse a cifra de persoas desempregadas no conxunto do Estado en 13,65%. O paro sitúase 2,3 puntos por riba dos últimos tres meses de 2021 e 0,32 puntos por diante de hai un ano, de maneira que tomba o relato sobre as bondades do novo marco laboral acordado en decembro do pasado exercicio.

A última reforma laboral, elaborada igual que as anteriores, atendendo, supostamente, os obxectivos de combater o desemprego, aumentar a estabilidade laboral e mellorar as condicións de traballo, non deixa de ser outro axuste, neste caso ao ditado da Unión Europea, para facer efectivo o rescate ao gran capital formalizado no programa Next Generation.

A inflación continúa desbocada. As cifras do IPC de abril mostran que xa contaxia diversas esferas da actividade económica

A inflación, por outra parte, continúa desbocada. As cifras do IPC do mes de abril mostran que a inflación xa contaxia diversas esferas da actividade económica. Os datos recollen unha baixada de case un punto e medio anual en relación co mes de marzo e a inflación subxacente, aquela que non recolle os alimentos elaborados nin os custos enerxéticos, aumenta nun punto e xa se atopa en 4,4%.
A recadación, ademais, continúa á baixa e, por conseguinte, as posibilidades das políticas de redistribución da renda decaen. Isto débese ás políticas fiscais do Estado, aquelas que provocaron que os ingresos por concepto do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) subisen en 24% entre 2007 e 2021 e baixasen en 41% as procedentes do Imposto de Sociedades, que son as que gravan os beneficios empresariais.

Os tempos políticos e económicos van da man. Neste contexto, Feixoo disponse a comer flocos de millo agardando que a crise devore a Sánchez, seguindo a mesma política de Raxoi fronte a Zapatero após 2009, cargando no "debe" do PSOE a responsabilidade da crise e dos recortes. Asoman no horizonte os retallos, retallos aínda máis duros. Fica por ver se nesta ocasión a cidadanía os permite.

Comentarios