Opinión

Os indultos, segundo para quen

Máis unha vez o Tribunal Supremo evidencia a baixa calidade democrática que existe no Estado español, onde os herdeiros do franquismo seguen a ocupar os postos de poder. Co fin de xustificar a súa negativa ao indulto dos presos e presas políticas catalás, este órgano xurisdicional pon de manifesto que defenderon “criterios antidemocráticos” e que non mantiveron a “neutralidade política” no marco do procés soberanista. Martxelo, Vicent, que hai máis antidemocrático e partidario que o propio Supremo?

Lembremos que no seu día o alto tribunal, que agora xoga a facer política no canto de aplicar xustiza, posicionouse a favor de conceder o indulto ao golpista Antonio Tejero. Entrar no Congreso a punta de pistola, e disparar para amedrentar os e as representantes da cidadanía seica non é censurábel, mais si o é pór urnas para que un pobo exprese de maneira lexítima a súa opinión a respecto dun referendo. Unha mostra máis do esperpento montado polo Estado en relación ao dereito a decidir de Catalunya.

Outro exemplo é o de Rafael Vera e José Barrionuevo, ex ministro de Interior e ex secretario de Estado do Goberno de Felipe González condenados nunha das accións dos GAL. Aznar acabou concedéndolles o indulto parcial. Na longa lista de máis de 10.000 indultos outorgados a persoas acusadas a todo tipo de delitos, destacan os dos corruptos. Desde 1996 até hoxe, os sucesivos gobernos españois concederon 227 indultos vinculados coa corrupción, o que demostra a podremia que caracteriza o réxime do 78. A corrupción non se ve como algo negativo, mais si a aspiración dunha nación a exercer o dereito de autodeterminación.

Tamén cómpre citar o caso do Yak-42, accidente do avión militar español en que faleceron 75 persoas. Os comandantes sanitarios foron condenados a ano e medio de cadea e a un ano de inhabilitación especial por falsear as identificacións de 30 dos pasaxeiros mortos. A pena foi indultada de maneira parcial polo Goberno de Mariano Raxoi, que lles permitiu manterse no Exército español.

Os indultos, segundo para quen...

Comentarios