Opinión

De Hernán Cortés a Rosa Cardóniga

Hai anos tiven ocasión de pisar México e lembro que os mexicanos cos que falaba se referían aos españois como “fillos” de Hernán Cortés.

Obviamente, para eles non era aquel home que a caverna mediática definía como heroe, ao igual que os libros de texto que seguían a liña da historiografía españolista e que negaban a existencia do Reino de Galiza e o carácter hexemónico do territorio galego no contexto político cristián. Para eles, Hernán Cortés era un xenocida. E mentres uns glorifican a súa memoria, outras lembramos Rosa Cadórniga, Francisca Carou, Antonio Sobrado, Generosa Vidal e Ramona Suárez. Son as coñecidas como mártires de Nebra, asasinadas o 12 de outubro de 1916, tras encabezaren as protestas do movemento antifiscal contra un sistema de recadación inxusto. Un dos episodios do clima de axitación contra o réxime da Restauración. E escribo episodios en plural porque o pobo galego, en chave de autoorganización, deu leccións de dignidade fronte ao relato interesado.

A revolta de Nebra e o masacre provocado pola Garda Civil para reprimila non é un episodio inédito na Galiza da I Restauración borbónica

A revolta de Nebra e o masacre provocado pola Garda Civil para reprimila non é un episodio inédito na Galiza da I Restauración borbónica. Nove anos antes, neste caso nas terras de Oseira, as forzas da orde dispararon contra centos de veciñas e veciños que protestaban contra o espolio do patrimonio comunal, acabando coa vida dunha moza de 14 anos, María Paz Fernández, e doutra muller de 25 anos embarazada de varios meses, Manuela González Rodríguez.

A historia repetiuse na comarca de Ferrol en 1918, en Carballo en 1920 e nas terras miñotas de Sobredo en 1922. Na parroquia carballesa de Sofán os fusís da benemérita mataron Josefa Bolón, María Caamaño, Carmen Veira e María Serrano, mentres que en Sobredo acabaron coa vida de Cándida Rodríguez. Nun caso é noutro, o asasinato foi a resposta do poder a unha Galiza rebelde que confrontaba a inxustiza organizándose en potentes organizacións sindicais de carácter agrario pero tamén operario. A historia da Galiza non sabe de xenocidios e conquistas, está feita a forza de rebeldía e resistencia.

Comentarios