Opinión

Herdeiros de Nebrija

Un recente informe do Consello de Europa vén de evidenciar a continua perda de galegofalantes entre as franxas máis novas da sociedade, até o punto de que só 23,9% das e dos menores de 15 anos son capaces de expresarse na lingua propia da Galiza. A situación tórnase máis preocupante nos grandes núcleos urbanos, onde se concentra o groso da poboación de menos idade, con cifras residuais de persoas que falan galego. Eis os efectos do Decreto de Plurilingüismo, aprobado por Feixoo tras chegar á presidencia da Goberno galego. Unha normativa, Martxelo e Vicent, que, ao contrario do que acontece en Euskal Herria e Catalunya, exclúe o galego de determinadas materias escolares como as matemáticas, a física, as ciencias e a tecnoloxía.

O Congreso dos Deputados aprobou hai escasas semanas unha iniciativa que pedía igualdade para as linguas oficiais, mais fixo decaer o punto que defendía o deber de coñecer o galego, o euskera e o catalán. Quen se opuxo a este artigo escudouse en que isto era contrario á constitución española. Fica claro que o actual marco legal estabelece linguas de primeira e de segunda -e non a cooficialidade- e que a situación de dominio do español sobre os outros idiomas é aínda un feito.

O Consello de Europa, respondendo a unha denuncia da Mesa pola Normalización Lingüística, emitiu un contundente informe que asegura que o actual marco legal “é contrario á Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas” e insta os Executivos galego e español a estabelecer un diálogo coas entidades sociais para mudar a situación. 

Desta maneira, e máis unha vez, o futuro do galego está en mans da súa cidadanía, a mesma que non o abandonou nestes últimos 500 anos de persecución, desde a “doma e castración” dos Reis Católicos, diante duns poderes públicos empeñados en impor o español atendendo á mesma axenda ideolóxica de Nebrija. Porque para eles, como para o filólogo sevillano, “a lingua foi sempre compañeira do imperio”.

Comentarios