Opinión

Os golpes, con togas

Houbo un tempo en que o derrocamento dos Gobernos democráticos quedou en mans dos militares. Foron os días en que os uniformes de camuflaxe e os tanques sacaron da Moneda o presidente Allende, subiron ao poder a Videla, cometeron xenocidios en Guatemala ou Bolivia e meteron medo no Brasil. Pasaron os anos e entraron en xogo as sentenzas, a repintada linguaxe xurídica e as togas. A persecución e o encarceramento de Lula no Brasil, os procedementos contra Cristina Fernández na Arxentina e as causas xudiciais contra Rafael Correa no Ecuador son boa mostra deste novo proceder dos aparellos de poder.

A este respecto, resultan clarificadoras no Estado español a sentenza do Tribunal Constitucional pola que se modifica o estatuto catalán aprobado no Congreso dos Deputados; a condena do Tribunal Supremo contra os dirixentes independentistas cataláns pola súa participación no referendo do 1 de outubro e a recente apertura dun procedemento legal contra Arnaldo Otegi e outros dirixentes nacionalistas vascos. As tres resolucións non deixan de ser a expresión dun poder xudicial convertido xa non en defensor do réxime, senón dunha concepción moi particular do que debe ser o Estado, cun Tribunal Constitucional actuando como unha terceira cámara lexislativa e un Tribunal Supremo contra os outros poderes.

O papel dos xuíces como punta de lanza das posicións máis reaccionarias non é novo

O papel dos xuíces como punta de lanza das posicións máis reaccionarias non é novo. De feito, por 1929, o xurista francés Edouard Lambert no seu famoso ensaio O goberno dos xuíces e a loita contra a lexislación social nos Estados Unidos advertía do perigo que representaban o control da constitucionalidade das leis por parte dos xuíces, afirmando que, na deriva intervencionista, o equilibrio de poder rompía "a favor do poder xudicial, que somete os outros dous ao seu control e estabelece desa maneira un réxime de goberno dos xuíces". Con todo, a situación presenta diferenzas, ao converter a orde xurídica no único poder soberano, que se impón á lei, á lexitimidade e á democracia. 

Comentarios