Opinión

A Galiza que deixa Feixoo

Nas próximas semanas, Alberto Núñez Feixoo abandonará, de maneira oficial, a Xunta da Galiza. A día de hoxe é un presidente a tempo parcial, centrado na xestión do Partido Popular a nivel estatal. Tampouco é que no seu mandato fixese moito por mellorar a vida das galegas e galegos. Inhibiuse tanto do seu papel como xefe do Executivo que en 13 anos non reclamou nin unha soa competencia para a Galiza e, de feito, desbotou continuar a tramitación das acordadas en 2008 entre a Xunta e o Goberno estatal. As últimas transferencias fixéronse efectivas nese ano, após pactar o ex vicepresidente Anxo Quintana e o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, a cesión de nove competencias.

Nos 13 anos de goberno, a desigualdade subiu 1,5 puntos, o poder adquisitivo nos salarios caeu un 6,9% e as persoas que cobran as pensións máis baixas aumentaron un 35%. De feito, hai máis de 400.000 pensionistas na pobreza e 22% en situación de pobreza severa. Así o evidencian os datos da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social e do Instituto Galego de Estatística. A respecto da lingua galega, 23,9% das persoas de menos de 15 anos son incapaces de expresarse na lingua propia, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Isto é consecuencia do primeiro decreto aprobado por Feixoo: o do plurilingüismo, que prohibiu impartir materias en galego nun ensino en que non existe inmersión na lingua propia da Galiza.

Feixoo tamén deixa unha Galiza con máis de 73.500 mozas e mozos menos, segundo o Consello Económico e Social. Persoas que se viron na obriga de emigrar en busca dun futuro mellor. En relación ao traballo, desde 2013 destruíronse máis de 23.200 postos ocupados por persoas autónomas e máis de 33.500 empregos de persoas asalariadas na industria. Ademais, o sector agrario viu como fecharon case 16.000 explotacións de bovino.

A carauta de "bo xestor" tamén cae se atendemos á débeda pública, que ascendeu en 7.760 millóns nos últimos 13 anos. E esta débeda non serviu para fortalecer os servizos públicos. Só en materia de sanidade, Atención Primaria perdeu 74,8 millóns de investimentos en comparación con 2009.

Eis un breve resumo da Galiza que nos deixa.

Comentarios