Opinión

En galego, todos os días

Martxelo, Vicent, o martes conmemórase o Día das Letras Galegas, que segue a ser un acto de rebeldía. Naceu en 1963, en plena ditadura franquista, como resposta a un réxime que excluíra do espazo público a lingua das galegas e galegos e como alternativa en defensa do idioma propio do país. Así chegou até hoxe, honrando escritoras e escritores que se revolveron para darlle un lugar no mundo á lingua dos seus, desde a única Rosalía de Castro ao autor deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, destacado dirixente nacionalista na Galiza dos anos 30, loitador antifascista nas filas do Exército popular e morto no exilio mexicano como outros tantos perdedores da loita contra o franquismo.

A natureza do réxime político no que naceu o Día das Letras Galegas mudou, as políticas lingüísticas cambiaron nestes 59 anos, mais o galego segue sen ser unha lingua normalizada e continúa a ocupar unha relación subordinada en relación co español. Tanto é así que ningunha disposición legal obriga ao uso da galego, mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do castelán en diferentes esferas da vida social. Non existe ningún texto legal que estabeleza a necesidade de usar o galego, conforme á doutrina asentada polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas.

A situación da lingua interpélanos a todas e a todos. Os datos que fomos coñecendo nos últimos anos adiantan unha continuada e sostida perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións das áreas urbanas. As cifras fornecidas polo Instituto Galego de Estatística sinalan que 53.699 mozos e mozas menores de 15 anos, isto é 23,90% desa franxa de idade, descoñecen absolutamente o galego e son incapaces de expresarse nesa lingua.

O 17 de maio, o Día das Letras Galegas, reivindicaremos a Florencio Delgado Gurriarán e con el a toda a literatura galega do exilio americano, como estamos a facer en Nós Diario durante este mes cun coleccionábel. Ao tempo, mobilizarémonos con todas as iniciativas sociais a prol da lingua, a comezar pola xa tradicional manifestación nacional convocada para esa data por Queremos Galego. E, como todos os días do ano, reclamaremos o noso dereito a vivir en galego.

Comentarios