Opinión

As galegas, dobremente discriminadas

A próxima segunda feira, 8 de marzo, as mulleres galegas estamos chamadas á folga para nos situar na axenda política e social como suxeitos cos mesmos dereitos que os homes. Sobran os motivos para pararmos. Tamén sobran as cifras, pois todos os indicadores amosan a desigualdade que sufrimos as mulleres nas distintas esferas da vida. Nesta ocasión, preténdese coartar o dereito a saírmos á rúa. Curioso que se criminalicen os actos descentralizados, e con medidas de seguridade, convocados polo feminismo e non se cuestionen as ducias de mobilizacións doutra natureza que veñen decorrendo nos últimos meses.

Os problemas das mulleres son universais, mais as características do lugar que habitamos imprímenlle unha problemática específica á discriminación que sufrimos. Neste sentido, a desigualdade vese cruzada na Galiza pola dependencia nacional, que acrecenta a marxinación das mulleres en diferentes planos.

Procedermos dunha nación sen Estado, dependente, afonda aínda máis na desigualdade: pola nosa condición de mulleres e galegas sufrimos unha dupla opresión.

Curioso que se criminalicen os actos descentralizados, e con medidas de seguridade, do feminismo e non se cuestionen as ducias de mobilizacións doutra natureza

O ámbito salarial é un dos exemplos máis paradigmáticos do que expoño. As nosas retribucións están situadas á cola de nos comparar co resto do Estado español. A falta de equipamentos sociais, nomeadamente no rural, implica que recaian sobre as mulleres galegas máis tarefas relacionadas co coidado. Tamén percibimos as pensións máis baixas, pola contra, pagamos máis pola factura da luz -malia ser Galiza exportadora de enerxía eléctrica-, e o combustíbel máis caro -a pesar de contarmos cunha refinaría-. Ademais, carecemos dun sistema de transporte público que vertebre o territorio... Nin sequera temos garantido o dereito de vivir na nosa lingua! Por todo isto non é casual que, no noso caso, nunha mesma persoa, Rosalía de Castro, se conxugue a precursora da loita pola liberdade da Galiza e a da emancipación das mulleres.

Este 8 de marzo fagamos sentir, máis que nunca, que estamos aquí e reclamemos os nosos dereitos cada día do día. É de xustiza.

Comentarios