Opinión

A ferida da emigración

AGaliza leva séculos sangrando a través da ferida aberta pola emigración. Segundo o historiador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Isidro Dubert, é esta unha realidade estrutural, con "cinco grandes vagas emigratorias de desigual intensidade e duración" entre finais do século XVI e comezos do século XXI, cuxos efectos condicionaron o futuro no eido demográfico, económico, social e cultural.

A primeira delas desenvólvese entre mediados do século XV e comezos do século XVI, a segunda desde finais do século XVII e ao longo de boa parte do século seguinte e a terceira desde 1860 até 1930, coa saída nese período de arredor de máis de 1,1 millóns de persoas con destino, fundamentalmente, nas terras americanas da Arxentina e Cuba. A cuarta deuse entre 1950 e 1975, coa marcha da Galiza cara ao Estado español e a diversos países europeos de 475.000 persoas e aínda nos atopamos nunha quinta cuxo arranque se sitúa a comezos do século XXI.

En 1920, a Galiza sumaba 2.342.545 habitantes e representaba practicamente o 11% da poboación estatal. Transcorridos 100 anos, non chega a 2,7 millóns e significa tan só o 5,78% do total estatal. Mentres ao longo do último século o Estado multiplicou por oito e aumentou case en 248% a súa poboación, a Galiza reduciu á metade a súa posición relativa no conxunto estatal.

Un total de 326.824 persoas emigraron na última década. Os datos certifican 213.511 emigrantes entre 2009 e 2019 ao Estado español e 113.313 a outros Estados do continente europeo. Neste período marcharon máis de 75.000 persoas de entre os 16 e 29 anos.

O éxodo dos últimos anos explica o devalo demográfico. Dubert considera que "as implicacións da emigración son moito máis graves que as do avellentamento", unha liña de análise que tamén partilla o catedrático da USC Rubén Lois, quen sitúa a causa do problema demográfico actual nas “emigracións masivas das décadas dos sesenta e setenta, que non teñen efectos inmediatos” e no “afundimento do vello complexo agrario".

Comentarios