Opinión

Feixoo, un ‘walking dead’ na Galiza

Catalunya e Euskadi voltaron a dar unha lección de dignidade fronte ao discurso do medo que polarizou a campaña electoral e o nacionalismo conseguiu uns resultados extraordinarios que contribuíron a parar a dereita españolista. De feito, o independentismo acadou en Catalunya os mellores resultados da súa historia nuns comicios xerais e asinou unha anomalía da que cómpre sermos conscientes: todos os presos políticos que se presentaron ás eleccións obtiveron a súa acta (catro no Congreso e dous no Senado).

O nacionalismo galego tamén axudou á derrota dun Partido Popular que cae en picado e que cede 4 millóns de votos. Con Casado amortizado e após perder a súa hexemonía na Galiza (perdeu 13 puntos), Feixoo xa saíu da bancada para quecer. Teno máis doado agora para cumprir o seu soño e dar o salto a Madrid. Na súa intervención após coñecer os resultados, lonxe de facer autocrítica, culpou a Vox, con quen camiñou da man na manifestación ultradereitista de Colón, en Madrid, aquela mobilización dos nostálxicos do franquismo. Anunciabamos daquela a morte política dun Feixoo que elixía a defensa do odio contra a diversidade nacional, dándolle as costas a unha Galiza que se manifestaba de maneira masiva en defensa da sanidade pública.

Aínda que non conseguiu acadar representación no Congreso, o Bloque certifica a súa remontada e duplica apoios a respecto das anteriores eleccións xerais. Faltáronlle 11.000 votos para recuperar a presenza en Madrid, pero parte con máis fortaleza na travesía das municipais. A outra formación política en condicións de devolver a voz de Galiza no Congreso por non depender de ningunha forza allea, En Marea, pinchou. O partido do líder da oposición non logrou superar o 1% dos votos e demostra que o peso recaía na suma de Podemos e Izquierda Unida, a quen Beiras abrira a porta na Galiza.

Os resultados explícanse na nación con aquel “Que vén o lobo!” que advertiamos hai unhas semanas. A campaña electoral desenvolveuse en clave españolista e as voces propiamente galegas apenas dispuxeron de altofalante. Non por acaso Galiza mantívose silenciada nos debates electorais en que participaron representantes de PP, PSOE, Unidas-Podemos e Ciudadanos. Catalunya e Euskadi, con ERC e PNV, chegaron a gozar do seu espazo nunha das contendas televisadas, aínda que fose considerada de segunda división. As galegas e galegos, nin iso. Tivemos que nos conformar co debate clandestino -apenas anunciado e emitido ás 10 horas da mañá- para vermos sobre a mesa as nosas necesidades.

Ese medo á ultradereita provocou que os partidos do sistema, como o propio PSOE -o mesmo que representa os intereses das grandes empresas, o que pactou co PP a reforma exprés do artigo 135 da constitución española e o que entra no xogo das portas xiratorias- se percibisen como moderados e impediu a galeguización da campaña e que se puidesen socializar as propostas das forzas políticas con medidas explícitas para Galiza.

Agora a chave do goberno téñena o nacionalismo vasco e catalán. A presión cérnese sobre o PSOE. Pode pactar con Ciudadanos e cumprir as arelas do Ibex ou pode pactar con Unidas-Podemos e as forzas nacionalistas. Catalunya será fundamental no pacto e o bloque soberanista está chamado a desenvolver un papel protagonista. Ás galegas e galegos tócanos facer pedagoxía para conseguir facernos oír e acabar cos agravios que sofre Galiza.

Comentarios