Opinión

Falamos de Madrid

Cando falamos de Madrid referímonos ao bloque de poder construído sobre o espolio do resto dos pobos do Estado aproveitándose dos privilexios derivados do efecto capitalidade. Está formado polos grandes grupos empresariais beneficiados dun modelo económico pensado para favorecer Madrid en detrimento doutras realidades peninsulares. Aqueles cuxos beneficios dependen dun sistema de comunicacións radial que converten a capital do Estado no comezo e no final de todo, cuxas contas de resultados están baseadas na explotación dos recursos do resto dos territorios e cuxa subsistencia só é posíbel polo favor público. En definitiva, unha elite improdutiva que conforma unha alianza cos diversos aparatos de poder, comezando pola Casa Real, continuando coa administración de Xustiza e rematando con diversos sectores gobernamentais.

A definición dos nacionalismos e da Galiza, Euskadi e Catalunya como os inimigos internos do actual modelo de Estado van máis alá da lóxica argumental común á reacción de criminalizar o diferente e está conectada coa necesidade de combater os únicos momentos que cuestionan a efectos prácticos o status quo e abren a porta á democratización real da sociedade. Un Madrid que non poida dispor dunha Catalunya que achega máis de 20% do total do Produto Interior Bruto estatal ou dunha Galiza que a fornece gratuitamente de electricidade desaparece.

Unha esquerda non ideolóxica que carece de programa e proxecto actúa como forza subalterna das dereitas e está condenada á derrota

A foto final de Madrid deixa importantes conclusións políticas máis alá das continxencias electorais. Certifica a revolución cultural promovida polos Gobernos da dereita durante décadas en Madrid, até converter a súa poboación na máis reaccionaria do Estado. Tamén demostra o fracaso da esquerda española, tras renunciar á organización como única ferramenta para formular cun mínimo de posibilidades unha alternativa de mudanza e prescindir da batalla ideolóxica. A ideoloxía convértese en programa e cando se liga co pobo actúa de forza de cambio. Unha esquerda non ideolóxica que carece de programa e proxecto actúa como forza subalterna das dereitas e está condenada á derrota.

Comentarios