Opinión

¡España y olé!

Os chíos nas redes sociais procedentes da España profunda, a que se emociona co sufrimento animal e exerce a liberdade tomando cañas nas terrazas madrileñas, marcaban o camiño do paso de Tanxugueiras nos pasos previos a Eurovisión. Nunha versión máis elaborada dese mesmo argumentario, os seus intelectuais orgánicos fertilizaban o terreo para que a colleita non escapase ao padrón dominante. O ABC afirmaba sen rubor que a música das pandeireteiras é "dun tribalismo, neste caso galego, algo forzado e que pon de manifesto a dificultade do folclore para pórse ao día e saír do agro e das enaguas" e contrapoñíao ao flamenco, que cualificaba de "moi evolucionado, traballado desde hai décadas en talleres e laboratorios".

A posición do xurado na primeira semifinal da gala do Festival de Benidorm responde a esa mesma lóxica argumental. Falamos dun grupo de cinco supostas expertas e expertos, todos eles elixidos polos responsábeis da TVE, vinculados a Eurovisión, por ser nalgún caso os representantes dalgúns dos artistas que o Estado español enviou nos últimos anos ao festival musical das televisións europeas, co xa coñecido fracaso. Un xurado cuxa resolución -optaba por deixar o trío fóra da final- foi cualificada como fraudulenta e cuxo papel foi cuestionado, até o punto de recibir fortes apupos por parte do público presente en Benidorm, e que un dos condutores da gala, Màxim Huerta -o ministro de Cultura máis fugaz-, tratou de acalar.

Porén, o debate é outro e foi formulado polas compoñentes do grupo Tanxugueiras na rolda de prensa posterior á gala. Á vez que lle reclamaban ao xurado, de cara á final do sábado que dá o pasaporte para o certame, "altura de miras", destacaban, non sen retranca, que "por fin España está preparada para enviar a Eurovisión un proxecto inclusivo e que loite polas linguas cooficiais [en alusión ás oficiais]". Antes diso, no momento de dar paso á actuación das galegas, unha das presentadoras do programa, Inés Hernand, aludía a que Bélxica participara en Eurovisión, "non unha, senón dúas veces, en 2003 e 2008", con cancións "en idiomas inventados".

Comentarios