Opinión

Desvirtualizámonos!

Martxelo, Vicent, por fin coincidimos en persoa, grazas a Diari de Balears, que, con motivo do seu 25 aniversario, xuntounos aos tres nunha palestra en Palma para compartirmos a nosa visión en relación aos medios de comunicación en linguas minorizadas. Vaian por diante os nosos parabéns ao diario balear polo seu cuarto de século. Suma case tanto como Vilaweb, que facía os 25 o pasado ano.

A importancia do sistema de medios en linguas minorizadas débese enmarcar no contexto dos roles dos medios na sociedade, tendo en conta o papel á hora de reforzar a identidade nacional, de desenvolver os idiomas propios e de tecer unha rede de relacións. Así, entre as tarefas que desempeñan destaca o estabelecemento dun espazo público na lingua propia e a promoción da cultura, o idioma e a identidade.

A política de axudas da Xunta da Galiza a medios de comunicación agudiza máis a situación de discriminación do galego a respecto do español

No caso da Galiza, os medios impresos, na súa maioría, carecían do compromiso coa lingua propia. A irrupción de Nós Diario, grazas á aposta das 3.000 persoas que apoiaron o proxecto coas súas subscricións, rompeu cunha anormalidade recollida en todas as investigacións académicas: a ausencia dun diario en papel no idioma propio da Galiza.

O caso galego é aínda máis preocupante que o do euskera e o catalán. Segundo un estudo do profesor Nicolás Xamardo, a nivel de linguas minorizadas europeas, existe un medio en idioma propio por cada 12.1000 habitantes. Porén, no caso da Galiza a cifra duplícase, ao haber un medio por cada 24.600 habitantes.

A política de axudas da Xunta da Galiza a medios de comunicación agudiza máis a situación de discriminación do galego a respecto do español. Segue inxectando cifras millonarias á prensa en español que se edita na Galiza e discrimina a quen emprega a lingua propia como vehicular. Se medios como Nós Diario son unha realidade é grazas ao esforzo de quen acredita que un diario en papel e dixital en galego é necesario. E non só por empregar o idioma como canle, senón por practicar un xornalismo con óptica galega, sen reproducir a axenda temática imposta desde fóra. Grazas a todas e todos os lectores que contribuídes connosco! Axudádenos agora a medrar!

Comentarios