Opinión

Desta foi

Son varios os titulares que deu a noite electoral. O regreso do BNG -que apenas dispuxo de altofalantes nunha campaña máis unha vez marcada en chave españolizadora- á madrileña Carrera de San Jerónimo foi un deles e tamén foi unha boa noticia para a Galiza por dous motivos: porque o Bloque actuou como dique de contención do partido ultraespañolista e ultradereitista Vox e porque o Bloque foi leal aos intereses galegos en Madrid sempre que tivo representación no Congreso. Iso non pode discutírselle á forza nacionalista.

Os últimos anos amosaron que, agás honrosas excepcións, as 23 deputadas e deputados galegos con asento no Congreso e no Senado estiveron máis pendentes de defenderen as súas cores (as dous seus partidos) e que as da Galiza. De aí que asistísemos como espectadoras cando Euskadi conseguía unha tarifa eléctrica para a industria vasca e a devolución de 1.400 millóns de euros que pagou de máis en concepto de cupo entre 2007 e 2014, a cambio de apoiar os orzamentos do PP, ou cando Euskadi logrou a transferencia da AP-68 logo de que o nacionalismo vasco apoiase seis decretos de Pedro Sánchez.

Mentres as deputadas e deputados nacionalistas vascos negociaban en defensa dos intereses de Euskadi, Galiza vía caer as súas partidas nos orzamentos do Estado un 20%, até a cifra máis baixa dos últimos 17 anos; como a AP-9 seguía sen ser transferida -malia o acordo unánime do Parlamento- ou como a factura da enerxía eléctrica continuaba a subir á vez que se espoliaban os seus recursos naturais.

Nos próximos meses van ter lugar mudanzas de importancia no Estado, co debate territorial e a ruptura do modelo actual no albo. É de vital importancia que Galiza se deixe oír. Facer ou non parte dese debate determinará cuestións decisivas que nos afectan no día a día, a comezar pola capacidade de gobernar nós os nosos recursos. Non hai que perder de vista que o freo ao fascismo vén das nacións sen Estado, como se demostrou nas eleccións estatais -non por acaso onde Vox recolleu menos de 10% das papeletas foi en Euskadi, Nafarroa, Catalunya e Galiza-. Temos todo por gañar se confiamos en nós mesmas e nos facemos valer.

Alén do cambio de ciclo a nivel estatal, os resultados das eleccións ao Congreso abren a porta á mudanza en San Caetano, pois Feixoo perdería a maioría absoluta e a esquerda estaría en condicións de gobernar na Galiza. É unha tendencia que veñen marcando as últimas citas electorais. Xa se demostrara nas eleccións de abril e maio. O cambio para unha Galiza socialmente máis xusta e cun maior benestar está máis perto despois destes comicios estatais.

Comentarios