Opinión

Desmontemos o “Contrato con Galicia” de Feijóo

Feij009, entre dúas bandeiras galegas institucionais. Ao fondo, Monte Pío. No centro da imaxe, nun portafolios, dúas follas. A principios de febreiro de 2009, Feijóo, nun dos circos mediáticos aos que nos ten afeit@s o PP, rubricaba o “Contrato con Galicia”, unha serie de compromisos “políticos, persoais e morais” que esperaba cumprir cunha nota “non inferior ao sobresaliente”.

Feij009, entre dúas bandeiras galegas institucionais. Ao fondo, Monte Pío. No centro da imaxe, nun portafolios, dúas follas. A principios de febreiro de 2009, Feijóo, nun dos circos mediáticos aos que nos ten afeit@s o PP, rubricaba o “Contrato con Galicia”, unha serie de compromisos “políticos, persoais e morais” que esperaba cumprir cunha nota “non inferior ao sobresaliente”. Mais, pasado o tempo, a cualificación que merece o contrato de Feijóo coa cidadanía galega é un suspenso rotundo. Un cero, porque non cumpriu nin un só dos 14 puntos en que se artellaban as súas promesas. Vexamos:

1. Emprego. As cifras, que representan o drama que viven milleiros de familias galegas, constatan o fracaso de Feijóo, o home que prometía acabar coa crise en 45 días, e a falta dunha política de emprego. O país encabeza a listaxe de autonomías con maior destrución de postos de traballo e conta cunha das taxas máis altas de paro. O propio presidente, en sede parlamentar, chegou a amosarse incapaz, advertindo de que non tiña ferramentas para loitar contra o paro. E isto, malia contar coas competencias en política activa de emprego, campo que non se librou da tesoira, cunha redución de máis do 50 por cento do orzamento.
 

2. Estratexia económica. @s autonóm@s, que carecen de crédito, están cada vez máis afogad@s, ao igual que @s leiteir@s, co feche de 1.700 explotacións e con recortes de 195 millóns nos ingresos. Namentres, o sector naval segue vetado e prexudicado polo impacto do tax lease, que lle afecta a 15.000 traballador@s. Ademais, ao redor de 10.000 postos de emprego foron destruídos na pesca e botaron o feche máis de 10.000 estabelecementos comerciais fechados. A produción atópase en caída libre, con índices que superan, con creces, as cifras estatais e o sector financeiro, coa perda das caixas de aforro, a absorción do Banco Pastor polo Banco Popular, está a piques de desaparecer. Sobre o futuro de NCG Banco pesa a incerteza.

3. Austeridade. Foi o cabalo de batalla de Feijóo, a columna vertebral sobre a que pousou todos os recortes en servizos sociais. Prometera reducir @s asesor@s, a propaganda, a publicidade... Porén, só o presidente da Xunta de Galiza conta con 46 asesor@s. Ademais, só no seu primeiro ano á fronte do (des)goberno, Feijóo destinou 5 millóns a campañas de propaganda. Mais o dispendio non rematou, e continúa con cifras semellantes. Desde o pasado decembro lévanse gastados máis de 3,5 millóns en publicidade.

4. Menos impostos. Este contrato recollía a redución do tramo autonómico do IRPF, nun 8,2. Tres anos despois, non só non reduciu o IRPF, senón que aplaudiu a decisión do Goberno amigo de Rajoy de aumentar o imposto.

5. Sanidade con garantías. Ademais de incumprir a redución das listaxes de espera, as decisións erráticas de Feijóo supuxeron o inicio do desmantelamento da sanidade pública cos continuos recortes en sanidade, coa incapacidade para atender @s provedor@s, cos recortes dos dereitos á atención, co abandono das entidades de prevención e asistencia e co deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade. O recorte foi tal que o Sergas mesmo chegou a desactivar as tarxetas sanitarias das persoas sen recursos e a fechar toda a actividade cirúrxica de hospitais no verán.

6. Dependencia efectiva. Lonxe de mellorar a calidade asistencial ás persoas dependentes, Feijóo fixo da atención a domicilio un negocio e incrementou nun 480 por cento a listaxe de espera, cun caos normativo que deixa milleiros de persoas nun limbo. Os recortes nas contas de dependencia superan o 50 por cento e o Plan Concertado ficou cun 80 por cento menos de fondos que en anos anteriores. En definitiva, o PP fixo retroceder 30 anos a dependencia en Galiza, sen calcular aínda o impacto dos recortes de Rajoy nesta materia.

7. Opcións de conciliación. O día a día amosa que a crise ten rostro de muller e que a xerarquización do poder é acentuada a cada paso. E é que a falta de recursos está a agravar a dependencia económica e social da muller respecto do home. Neste contexto, Feijóo demoleu as políticas de igualdade e recortou ao máximo os fondos destinados á loita contra a violencia de xénero. Mentres, dedicouse a outorgarlle importantes cantidades de cartos públicos a asociacións de carácter relixioso. No que respecta ao desemprego, hai máis de 133.000 mulleres no paro, 17.000 mulleres máis en desemprego desde que Feijóo asumiu a Presidencia da Xunta.

8. Mocidade en primeiro plano. No canto de potenciar o maior activo de Galiza, o PP condenou a mocidade galega á emigración e á precariedade, negándolle o dereito a vivir e a traballar no noso país. Desde que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta, o paro xuvenil medrou en 13 puntos sen que o (des)goberno galego adoptase nin unha soa medida para evitar a perda das xeracións máis novas, que ven frustradas as súas expectativas de futuro.

9. Equilibrio territorial. @s labreg@s están cada vez máis afogad@s polos custes de produción e o medio rural segue a ser un dos grandes esquecidos das políticas de Feijóo. Non só en materia forestal, senón tamén en igualdade de oportunidades respecto das vilas e cidades. Só o orzamento para o servizo de desenvolvemento rural sufriu un recorte de máis do 55 por cento: nin novos abastecementos, nin saneamentos, nin servizos básicos á poboación do rural. A esta carencia de servizos súmase o feche de aulas nas aldeas, feche que levará á despoboación de máis núcleos rurais.

10. Principios medio ambientais. O compromiso de Feijóo co medio ambiente traduciuse en máis cemento na costa e en máis ataques aos espazos protexidos. As asociacións ecoloxistas acusaron o PP de facer da Rede Natura polígonos industriais e de favorecer os incendios coa nova Lei de Montes, que deixa, practicamente, sen contido a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

 

11. Innovación. A aposta de Feijóo pola innovación levouno a recortar o 60 por cento en I+D+i. Resulta significativo que desde que goberna a Xunta só na USC se reducisen 358 investigadores. Outra das apostas de Feijóo pola innovación foron axudas da Consellaría de Industria á deslocalización de empresas. Lembremos que aos seis meses de se facer efectivo o ERE en Caramelo, a empresa recibía unha subvención por parte da Xunta de Galiza por valor de 5 millóns de euros para externalizar a produción. Así entende o PP garantir o futuro do país.
 

12. Reforma da Administración. Sen consenso. Cada día moreas de empregados públicos ocupan os arredores dos edificios administrativos da Xunta de Galiza para protestar pola perda de dereitos laborais e pola rebaixa da calidade nos servizos prestados, froito dos recortes implementados polo PP.

13. Identidade e liberdade. Unha falsa cordialidade levou a Feijóo a se converter no primeiro presidente da Xunta de Galiza en rebaixar a presenza da lingua no ensino, malia ter a meirande parte da comunidade educativa en contra. Este recorte de liberdades lingüísticas, que transcende o ámbito do ensino, desembocou en protestas históricas en defensa do galego.

14. Rexeneración democrática. O sectarismo de Feijóo levouno a suspender a adxudicación eólica do anterior goberno, renunciando á creación de 8.000 empregos e a un investimento de 5.000 millóns de euros. Precisamente, vimos de coñecer unha sentenza do TSXG en que se ditamina que a estrutura xurídica da Xunta para perpetrar a suspensión incorre en vicios de ilegalidades. Así, Feijóo empregou a suspensión cautelar como instrumento partidario para cumprir os obxectivos do PP. A isto engádese a proposta de redución de deputad@s como ferramenta para primar as circunscricións con maior apoio electoral para o PP ou o férreo control sobre a CRTVG.

Suspenso rotundo. Cero para un Goberno que esqueceu, por completo, o contrato que asinara con Galiza.

Comentarios