Opinión

A descentralización como simple retórica

AGaliza é unha das grandes perdedoras do actual modelo de financiamento. Segundo sinala o economista Xosé Díaz no seu traballo Os resultados da liquidación do sistema de financiamento de réxime común ou das “rexións” en 2019, que estuda a liquidación dos orzamentos do Estado español de 2019, última anualidade con datos, a Galiza perdeu nese exercicio un total de 4.562 millóns. Os números achegados por Díaz destacan que o Estado español recadou en impostos no ano 2019 un mínimo de 13.222 millóns da Galiza, mais só reintegrou 8.650 millóns, 6.256 dos cales proceden de ingresos tributarios e 2.393 de transferencias do Estado.

O modelo de financiamento fai que a Galiza perda 4.562 millóns

A Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), o think tank de cabeceira das empresas do IBEX, coincide nesa mesma idea. Nun informe elaborado por Ángel de la Fuente, economista de cabeceira de Mariano Raxoi en temas de financiamento, afírmase que a Galiza recibe 2.846 euros de financiamento efectivo por cada habitante, 475 euros menos por habitante que Cantabria, 364 euros menos por habitante que A Rioxa, 280 euros menos por habitante que Illes Balears, 240 euros menos por habitante que Estremadura, 234 euros menos por habitante que Canarias, 99 euros menos por habitante que Castela e León, 29 euros menos por habitante que Madrid ou 22 euros menos por habitante que Catalunya. Segundo advirte De la Fuente no seu traballo, só rexistran un trato máis negativo que a Galiza o País Valenciá, Murcia, Andalucía e Castela A Mancha.

O debate sobre o modelo de financiamento non é de técnica contábel senón de natureza política. Cando Feixoo promove un encontro sobre o financiamento como o decorrido esta semana en Compostela, coa participación dos mandatarios de Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha e Estremadura, está avalando un sistema prexudicial para Galiza e aposta por perpetualo por razóns de orde ideolóxica. Sen instrumentos de política fiscal e sen unha facenda propia como órgano encargado da recadación dos impostos, a descentralización é simple retórica e as competencias económicas da Galiza, inexistentes.

Comentarios