Opinión

As derivadas das eleccións catalás

Son moitas as cuestións que dependen dos resultados das eleccións catalás do domingo. En primeiro lugar, decidirase o Goberno dunha nación e a forma de xestionar a vida de 7,5 millóns de persoas nun momento de grandes emerxencias sanitarias, sociais e económicas. Por outra banda, xógase a continuidade dun ciclo político aberto na última década que cuestiona a institucionalidade derivada da Constitución de 1978 e subverte o modelo de organización territorial e social do Estado. Ademais, ponse a proba a calidade democrática das institucións comunitarias e a súa vontade de aceptar a decisión libre da cidadanía como base para o funcionamento das súas sociedades.

O éxito ou o fracaso de Salvador Illa será o espello en que se miren a dirección estatal do PSOE para xestionar o seu proceso congresual na Galiza 

As consecuencias dos comicios de Catalunya na política estatal son evidentes. Unha nova maioría do nacionalismo con formacións de programa e práctica independentista liderando a Generalitat por terceira vez consecutiva certificaría que a hexemonía do soberanismo non é resultado dunha conxuntura concreta, senón dunha vaga máis profunda na sociedade catalá e necesariamente obrigará a reflexionar os poderes de Estado. Neste sentido, as cotas de liberdade alcanzadas polo pobo catalán repercutirán necesariamente nas outras nacións do Estado e no peor dos casos será sempre un freo ao proceso de centralización que demandan desde Madrid.

Hai tamén unha lectura máis doméstica. Un mal resultado do PP, mesmo se se sitúa por diante de Vox -algo que non prognostican as enquisas-, debilitará a xefatura de Pablo Casado e favorecerá as aspiracións do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, de saltar a Madrid para dirixir a dereita. O éxito ou o fracaso de Salvador Illa será o espello en que se miren a dirección estatal do PSOE para xestionar o seu proceso congresual na Galiza e optar por un candidato elixido polas bases ou apostar por reeditar con outros nomes a operación catalá na Galiza. A vitoria ou a derrota do nacionalismo en Catalunya condicionará a práctica do BNG e, sobre todo, as posibilidades de concretar avances a curto prazo nun novo modelo territorial.

Comentarios