Opinión

Democracia á española

A prestixiosa revista estadounidense The New Yorker vén de dar a coñecer unha reportaxe de investigación que certifica a espionaxe sistemática do Estado español a diversos dirixentes nacionalistas cataláns e a un vasco. A información, resultado dunha pescuda do laboratorio da Universidade de Toronto The Citizen Lab, sinala que, desde 2015, e dun modo máis xeneralizado no período que abrangue de 2017 a 2020, desenvolveuse un operativo de ciberespionaxe, mediante os programas 'Pegasus' e 'Candiru', unha tecnoloxía israelita que só está a disposición dos Estados, que afectou, entre outros, a todos os presidentes da Generalitat.

A utilización do aparato do Estado para combater os adversarios políticos é unha constante no contexto español

Malia que as autoridades españolas, comezando pola ministra de Defensa, Margarita Robles, negaron a responsabilidade dos servizos de seguridade do Estado neste operativo, poucas dúbidas existen sobre a participación do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) neste dispositivo. Diferentes medios internacionais, desde Liberation en Francia a La Jornada de México, apuntaron directamente os Executivos de Mariano Raxoi e de Pedro Sánchez, acusándoos de actuar na ilegalidade. Na mesma liña expresáronse os máis de 60 militantes nacionalistas sometidos a espionaxe por este procedemento.

A utilización do aparato do Estado para combater os adversarios políticos é unha constante no contexto español. Prácticas semellantes provocaron noutras latitudes a destitución dos máis altos responsábeis políticos -lembremos o caso de Richard Nixon polo escándalo 'Watergate', en 1974- mais a impunidade para os executores destes operativos é absoluta en España e a protección dos seus responsábeis políticos é total. Así o acreditan a operación de espionaxe a Bárcenas ou o xa coñecido como 'Catalán Gate'.

Este novo caso de espionaxe política é un síntoma do funcionamento da democracia española. Un modelo político cuxa lexitimidade parte do franquismo e que se fundamenta nas denominadas leis fundamentais do movemento. Nada novo!

Comentarios