Opinión

Decisións que matan

Na segunda feira Nós Diario sacaba á luz que o 90% dos falecementos nas residencias de maiores durante a pandemia producíronse en centros de xestión privada. Concretamente, á cabeza das mortes situábanse os dous grandes operadores galegos da dependencia, o grupo DomusVi, propiedade de fondos de investimento franceses e ingleses, e a Fundación San Rosendo, cuxa titularidade corresponde á diocese de Ourense. Unha e outra sociedade téñense caracterizado pola súa proximidade política ao Partido Popular e, de modo moi particular, a Alberto Núñez Feixoo.

A Xunta da Galiza subvencionou en 2021 con 100 millóns as residencias privadas. Segundo os datos ofrecidos no Parlamento polos responsábeis da Consellaría de Política Social, 74 millóns de euros achegáronse en concepto de concertos cos operadores privados, 18 millóns en concesións ás empresas que xestionan centros de titularidade pública e 5 millóns de euros en cheques a persoas usuarias para sufragar a súa estadía en centros de maiores privados.

A Galiza atópase á cola do Estado en prazas de residencias públicas e rexistra unhas ratios dous puntos por baixo das recomendadas pola Organización Mundial da Saúde. Neste caso, conta na actualidade con 21.944 prazas en 383 centros residenciais para persoas maiores, sendo 20% das mesmas de xestión pública e 80% restante de xestión privada. Precisamente, unha delas é a residencia Mi Casa de Pazos de Borbén, da que xa vos escribín por aquí, propiedade dunha antiga dirixente da patronal pontevedresa, habitual dos actos do PP, cuxo trato aos maiores vén de escandalizar a opinión pública galega.

A mesma semana na que se coñecía a porcentaxe de mortes por coronavirus nas residencias galegas, o Partido Popular botou man da súa maioría absoluta para rexeitar unha nova Lei de residencias que pretendía corrixir aqueles aspectos que xeran máis letalidade e que apostaba por avanzar nun novo modelo de primacía pública. O PP decidiu apoiar os operadores privados que fan dos maiores o seu negocio, coas consecuencias coñecidas. Hai decisións que matan e esta é unha delas.


 

Comentarios