Opinión

Corenta anos de Parlamento

Van alá 40 anos da primeira sesión do Parlamento da Galiza. Unha institución xurdida do Estatuto referendado o 21 de decembro de 1980, cuns resultados desalentadores para os seus promotores. A abstención fíxose con cifras históricas. Ficaron na casa 1.558.674 galegas e galegos, 71,74% do corpo electoral, e acudiron a votar 614.218 persoas, de maneira que a participación atinxiu 28,26% do censo. O texto, apoiado polas forzas estatais e polo Partido Galeguista e rexeitado pola totalidade das organizacións nacionalistas, foi votado favorabelmente por 450.566 electoras e electores, un 20,73% das galegas e galegos con dereito a sufraxio, e contou coa oposición de 121.448 persoas.

O proceso autonómico arrancou eivado polo status reservado á Galiza nos deseños dos grandes partidos estatais e pola súa falla de lexitimidade. Mentres o Goberno catalán e vasco foron restaurados a mediados de 1977 e comezos de 1978, poñendo á súa fronte persoas dun inquebrantábel compromiso democrático, como o exiliado Josep Tarradellas e o preso da ditadura Ramón Rubial, o Executivo estatal non concedeu a preautonomía á Galiza até o 16 de marzo de 1978, un día antes de Aragón ou Valencia. Ficou como presidente Antonio Rosón, antigo falanxista ligado á represión na comarca dos Ancares, presidente da Deputación de Lugo durante a ditadura e procurador nas Cortes franquistas.

O proceso autonómico arrancou eivado polo status reservado á Galiza nos deseños dos grandes partidos estatais e pola súa falla de lexitimidade

O Estatuto da Galiza non colmou as aspiracións dunha parte da sociedade galega, nomeadamente do nacionalismo, cuxos deputados foron expulsados do Parlamento en 1982 con carácter retroactivo por negarse a xurar fidelidade. A maiores, o monopolio das institucións autonómicas por parte da dereita impediu o seu desenvolvemento, ficando por transferir competencias exclusivas recollidas no documento.

Nos 12 anos de Goberno de Feixoo non se concretou ningunha transferencia e o PP segue a negarse a reformar o Estatuto na liña da mudanza iniciada durante o Goberno bipartito e demandada polas forzas da oposición parlamentaria. Iso si, o PP non dubidou en nomear unha sala de xuntas da Cámara co nome de Antonio Rosón.

Comentarios