Opinión

Colonización enerxética

No seu día foron os ríos quen sufriron o proceso de colonización enerxética. Uns ríos que seguen a ser explotados por grandes empresas enerxéticas que pagan impostos fóra, mentres na Galiza deixan destrución e reparten dividendos entre os membros dos seus consellos de administración, que na meirande parte dos casos son exemplos de portas xiratorias. Agora son os montes, e mesmo o mar, os que se ven ameazados pola invasión eólica, á vez que son máis as persoas que padecen pobreza enerxética e á vez que pagamos a luz máis cara.

A día de hoxe, hai máis de 4.000 aeroxeradores en 106 concellos galegos e 315 proxectos de enerxía eólica

Precisamente, este domingo, a plataforma Eólica, Así non, conformada por ducias de asociacións e organizacións, convoca protestas simultáneas con motivo do Día Mundial das Montañas. Alertan de que os megaproxectos eólicos, ao servizo do oligopolio eléctrico, deixan as terras e os montes sen os seus valores e sen as funcións de carácter ambiental, socioeconómico e paisaxístico que cumprían.

Hai, a día de hoxe, máis de 4.000 aeroxeradores en 106 concellos galegos e 315 proxectos de enerxía eólica. Sabedes, Martxelo e Vicent cantos aeroxeradores posúe Madrid -comunidade á que se dirixe a maior parte da enerxía que a Galiza exporta cada ano-? Ningún. E, malia isto, un galego paga a luz ao mesmo prezo que un madrileño.

Neste contexto, o Partido Popular, con representantes sentados nos consellos de administración das eléctricas -como o caso da ex conselleira de Medio Ambiente con Alberto Núñez Feixoo, Beatriz Mato-, diríxese ao Goberno estatal non para pedir compensacións nin para que a Galiza conte cunha tarifa eléctrica diferenciada que permita que as galegas e galegos paguen menos na factura. Faino para que acelere os proxectos eólicos que son da súa competencia.

Boa metáfora da política enerxética do PP é aquel abrazo en que se fundiron Feixoo e Sánchez Galán cando o entón presidente da Xunta celebraba a súa toma de posesión: todo por e para as eléctricas aínda que iso supoña sumir o rural, aínda máis, no abandono.

Comentarios