Opinión

Chámalle X, como gostes

Hai noticias que se entenden mellor xuntas que separadas. Na cuarta feira dabamos conta en Nós Diario dos datos de xeración eléctrica no primeiro semestre deste ano, que certifican a autosuficiencia nesta materia da Galiza. Destinamos á exportación 35% da electricidade producida. As cifras, que son de Rede Eléctrica Española, sinalan tamén que Madrid é deficitaria en enerxía eléctrica en 95%, sendo a capital do Estado a principal beneficiaria a prezo cero da enerxía galega.

Na edición de hoxe facémonos eco dos últimos datos ofrecidos polo boletín do Banco de España, que revelan que os operadores financeiros con presenza na Galiza expatriaron no primeiro semestre de 2021 un total de 26.833 millóns de euros de aforro das galegas e galegos. A contía, próxima a 41,6% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza e superior en 15.206 millóns de euros ao orzamento da Xunta de 2022, sitúase na liña histórica: o aforro é drenado para favorecer investimentos fóra da Galiza e volve ser Madrid a gran beneficiada.

A Galiza exporta 35% de electricidade e expatria os aforros, mentres Madrid sae beneficiada

A especialización produtiva na exportación de produtos de baixo valor engadido e a drenaxe do capital a través de diferentes mecanismos son fenómenos característicos da dependencia. O seu correlato é o empobrecemento dunha nación rica en beneficio doutras máis poderosas, o subdesenvolvemento duns pobos para o desenvolvemento daqueles que os explotan, a conversión en periferias de todo aquilo que non é centro e unha división do traballo que especializa uns territorios en perder e outros en gañar, na xenial definición do grande Eduardo Galeano.

O subdesenvolvemento non é cousa de meigas, pois responde a razóns de orde estrutural. A orixe arranca hai practicamente cinco séculos e a explicación está directamente ligada á dependencia da Galiza. Nese sentido teñen argumentado desde hai máis dun século algunhas das mellores cabezas económicas do país, que denunciaron e denuncian un continuado espolio, mesmo cualificándoo de colonialismo. Hai quen prefire chamarlle X pero o problema é o mesmo.

Comentarios