Opinión

De censuras e silencios

Martxelo, Vicent, escríbovos desta vez sobre xornalismo, pois celebramos que Sermos Galiza, como publicación, suma xa 500 números. Coincidiu a mesma semana na que tivo lugar a conmemoración do Día da Liberdade de Prensa, que decorre cada 3 de maio, xornada que elixiu a secretaria de Medios da Xunta en funcións -a man dereita de Feixoo, que marcha con el para Madrid- para comunicar que o Goberno galego exclúe Nós Diario, por segundo ano consecutivo, da maior liña de axudas ás empresas xornalísticas.

Disque non somos diario, a pesar de que a convocatoria non define o termo e malia que a Oficina de Xustificación da Difusión (OXD) considera diario todo xornal que sae catro ou máis días por semana. Cito a OXD non por acaso, senón porque as bases reguladoras obrigan as publicacións a estaren incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios ou no da OXD.

Esta liña de axudas ás que me refiro ten como obxectivo "alentar a defensa da identidade da Galiza, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura". Ademais, para acceder a elas requírese un "mínimo" de 10% do total da información na lingua propia e o compromiso de "manter ou incrementar progresivamente o uso do galego". Nós Diario, que cumpre todos os requirimentos recollidos na convocatoria e que é o único diario en papel en galego, fica excluído e aqueles xornais que empregan a lingua de forma residual -na capa, só unha vez ao ano, no Día das Letras Galegas- e que son os máis próximos ao Partido Popular resultan os máis favorecidos.

Neste contexto, decorreu no Consello da Cultura Galega a xornada "Censuras e silencios nos medios de comunicación", onde explicamos que como non ía haber censuras e silencios, e moito clientelismo, cun Goberno que premia de forma descarada quen o apoia e castiga quen o fiscaliza. A etapa de Feixoo á fronte da Xunta supuxo unha mordaza para todo aquel medio que resultase contrario aos intereses do PP. Até o xogo máis sucio valeu para tratar de afogar as críticas. Rueda, que será investido presidente a próxima semana, prometeu continuidade -non sabemos se, tamén, a respecto da política de subvencións ás empresas xornalísticas-. Axudas públicas si, mais reguladas e transparentes para todos.

Comentarios