Opinión

Batamos co puño na mesa, mulleres!

Frases de Kate Millet, Angela Davis, Virginia Woolf, Simone de Beauvoir, Judith Butler... até de Frida Kalo anegaron as redes sociais o 25 de Novembro. Eu escollín a da miña froiteira, Almudena, que escribía no seu Facebook: “Hoxe é o día da muller maltratada, só vos digo que sexades fortes e que non caledes. E se hai que bater co puño enriba da mesa, faise”. Hai que facelo. Os 365 días do ano. Só pasaron tres desde que se conmemorou o Día Internacional contra a Violencia de Xénero mais semella que da axenda pública desapareceron o machismo e as súas consecuencias.

O 25-N, poñemos o lazo violeta na lapela da chaqueta, adoptamos postura hierática durante o minuto de silencio polas vítimas e pensamos que cumprimos. Os medios de comunicación enchémonos de cifras en relación ao feminicidio e ás diferentes expresións da violencia machista e xa. Non critico este tipo de actos para demostrar o respecto ás mulleres e lembralas. Critico que non sexa unha prioridade dos Gobernos e que os medios de comunicación non asumamos a perspectiva de xénero desde a primeira á última información que publicamos. Mudaría moito o conto de ser así.

Sabedes que os orzamentos da Xunta para 2021 destinan á igualdade a metade do que recollían as contas en 2009, as derradeiras do Goberno bipartito?

Os asasinatos son a forma máis cruenta da violencia machista, mais a desigualdade estrutural, ben atada nunha sociedade que coloca as mulleres nunha posición de subordinación, presenta múltiples facianas. Hainas visíbeis, mais tamén as que non o son tanto, como a fenda salarial, o chan pegañento, as tarefas de coidados sen remunerar... E aquí teñen todo que dicir os poderes públicos, mais non hai interese en mudar.

Sabedes que os orzamentos da Xunta para 2021 destinan á igualdade a metade do que recollían as contas en 2009, as derradeiras do Goberno bipartito? Feixoo non se ruboriza. Prefire seguir centrando o seu odio en atacar a presenza da lingua galega nas aulas e en propor a reforma da lei sanitaria, que non recolle ningunha medida para frear a loita contra a Covid-19 e que se centra no aspecto punitivo. Non queda outra que seguir batendo co puño na mesa!

Comentarios