Opinión

Até vén Leopoldo!

Martxelo, Vicent, pregúntome como vivides a Semana Santa en Euskal Herria e Catalunya. Quizais aconteza o que aquí, na Galiza, ou quizais o feito de dispor dunha policía propia contribúa a que a presenza de turistas sexa algo menos escandalosa. Por visitar até nos visita Leopoldo López, o golpista venezolano. Disque ten xustificante, ao igual que a súa parella e outro matrimonio que os acompañaba na terraza dun concello do litoral galego.

Se cadra Leopoldo López, outro dos miles de millonarios venezolanos residentes na "Little Caracas" do barrio madrileño de Salamanca, simplemente está asumindo a posición de Isabel Díaz Ayuso, quen afirmaba estes días que as festas ilegais en Madrid son consecuencia dos fechamentos perimetrais e de que non se permita abandonar a rexión. En definitiva, a presidenta non fai máis que recoñecer que para os ricos madrileños non existen obrigas e que calquera sitio é bo para incumprir as normas. O problema está en que a súa festa pagámola todas e todos.

A Galiza leva semanas baixo fechamento perimetral, mais aquí seguen a entrar turistas sen ningún tipo de problema. De feito, apenas hai controis nos aeroportos e estacións de trens ou de autobús e vense poucos nas estradas. Corre a voz de que viaxar en avión é a vía máis segura para entrar sen xustificante ningún. A preguntas de Nós Diario, nin Aena nin as forzas e corpos de seguridade do Estado ofreceron cifras concretas.

Nada novo. Estes días, ao igual que aconteceu en anteriores festividades e nos movementos previos á declaración do estado de alarma en marzo de 2020, os madrileños e madrileñas expándense polo conxunto do Estado coa conivencia dos poderes públicos. Ao tempo, a chegada masiva á Galiza coincide cun momento en que 40% dos contaxios por coronavirus  no Estado concéntranse na comunidade madrileña, que tamén presenta os peores datos de ocupación hospitalaria.

Volveremos ver nunhas semanas como a sanidade pública se aproxima ao colapso e como baixa a persiana a hostalaría sen se ver compensada?

Comentarios