Opinión

As casas do terror

Matxelo, Vicent, na Galiza temos ducias de casas do terror esparexidas por todo o territorio. Pero nelas non hai fantasmas, nin seres sobrenaturais, nin animais rabiosos, nin motoserras, nin machados, nin cadeas, nin decorados propios dunha película de Kubrick. Hai olladas perdidas, pero das de verdade, non das de actores ou actrices; tamén cadeiras de rodas; padiolas e instrumental sanitario. Hai dor. E desesperación. Soidade. Desesperanza. Impotencia.

Nestas casas do terror hai goteiros colgados dunha lámpada, colchóns desconxuntados, coa escuma partida, timbres que non funcionan, duchas con óxido e portas fechadas baixo chave con anciás e anciáns dentro. Moitos deles con chagas, de permaneceren inmobilizados e de levaren até dez horas o mesmo cueiro. Aquí os circuítos de sucidade non cumpren protocolos Covid. Todo vale. Son residencias de maiores como as de Salvaterra de Miño, cun total de 108 prazas das que 72 contan con algún tipo de concerto público. Cando escribo estas liñas son 63 os casos activos neste xeriátrico e 11 os falecidos. Pero o panorama é equiparábel ao doutros centros privados nos que se chega a pagar perto de 2.000 euros por praza.

O 99% das mortes por Covid-19 en xeriátricos teñen relación con centros privados

A situación é aínda máis grave se temos en conta que a Xunta da Galiza coñecía as deficiencias deste centro desde 2017, a través de denuncias de traballadoras e de sindicatos como a CIG presentadas ante Inspección da Consellaría de Política Social. Feixoo pasa. Di que nada sabía. O mesmo que cando Nós Diario lle lembrou o informe do Consello de Contas de 2017, que puña de manifesto a falta de medios humanos e o incumprimento das condicións contractuais en residencias privadas. Actas levantadas por Inspección admitiron que non se emendaron as deficiencias sinaladas en actas anteriores. Como quedades? Feixoo, tan tranquilo.

O 99% das mortes por Covid-19 en xeriátricos teñen relación con centros privados. A carencia de medios e, sobre todo, de persoal explica en parte este desequilibrio. Un exemplo máis do neoliberalismo, que mata.

Comentarios