Opinión

De Ana Orantes a Rociíto

A violencia de xénero non foi do dominio público no Estado español até 1997, cando os medios de comunicación difundiron que José Parejo, un home xubilado que vivía en Cúllar-Veiga (Granada), matara a súa esposa. Trece días antes, a muller, Ana Orantes, atrevérase a narrar os malos tratos que padecía nun reality show da televisión andaluza.

Até entón a sociedade patriarcal non cría conveniente que a violencia machista traspasase os límites do fogar. Foron as organizacións de mulleres quen obrigaron a pola na axenda mediática e os medios fixérona visíbel e actuaron como elemento de presión dos poderes públicos. Porén, os máis tamén foron parte do problema. Eis o acontecido con Rocío Carrasco, Rociíto, a quen contribuíron a estigmatizar e de quen cuestionaron a faceta como nai. Os mesmos medios que agora, ante a dureza do testemuño de Rocío Carrasco, lamentan que haxa quen poña en dúbida ou ridiculice o relato da afectada, como no seu día acontecera con Ana Orantes e como acontece con tantas mulleres vítimas da violencia machista.

A ruptura do silencio contribúe a rachar coa impunidade do machismo e a crear conciencia

Como axentes sociais, os medios de comunicación teñen o deber de contribuír a erradicar a violencia de xénero e a responsabilidade de concienciar a sociedade. Deberes que recolle o ordenamento xurídico mais que non sempre se cumpren. A entrevista de Rocío Carrasco contribuíu á sensibilización dunha parte da audiencia probabelmente pouco familiarizada co significado da violencia de xénero, en todas as súas manifestacións, tamén na psicolóxica, que adoita relativizarse e banalizarse, pois é máis difícil de demostrar que a física.

Que un personaxe público se atreva a narrar a violencia psicolóxica exercida pola súa ex parella reviste importancia dada a empatía que pode espertar naquelas persoas que coñecían ou seguían a súa vida a través, neste caso, da chamada prensa do corazón e tamén moitas mulleres poden verse reflectidas no testemuño dos malos tratos sufridos. A ruptura do silencio contribúe a rachar coa impunidade do machismo e a crear conciencia. Por iso creo, Martxelo e Vicent, que o xornalismo ou é feminista ou non é socialmente xusto.

Comentarios