Opinión

A vacina que "pincha"

O malogro do programa de vacinación no Estado español é consecuencia dunha concatenación de factores ligados á súa propia realidade interna, á natureza do proxecto europeo e ao carácter da alternativa atlantista. Evidencia tamén as debilidades desas superestruturas políticas nun mundo en cambio e onde novos actores internacionais petan á porta cuestionando a orde global hexemónica nas últimas décadas. A incapacidade para aplicar unha estratexia chave para salvar a vida da súa cidadanía e a economía das súas sociedades é a mellor expresión da faciana real diso que dan en chamar a "Marca España".

A vacinación irregular de centos de persoas e os atrasos na subministración das doses é unha mostra do funcionamento real dos poderes no Estado español. A corrupción fai parte da súa xenética, sendo consubstancial á configuración e funcionamento das súas elites, xurdidas baixo a protección dos poderes públicos e beneficiadas polas decisións políticas. Non estamos diante de actitudes individuais illadas, senón diante dunha práctica que explica o capitalismo español.

A xestión da vacinación volve deixar á vista o carácter atlantista das políticas españolas e europeas

A resposta da UE ante a negativa de determinadas multinacionais -ningunha delas radicada no seu territorio pero todas financiadas na súa fase de investigación por fondos comunitarios-, a fornecer as doses contratadas expresa a súa submisión aos ditados dos grandes grupos transnacionais e certifica a asunción do programa máis extremo do capital, aquel que mesmo nos Estados Unidos impugna a lexislación estatal.

A xestión da vacinación volve deixar á vista o carácter atlantista das políticas españolas e europeas. A súa falla de autonomía respecto aos EUA explica a negativa de autorizar o uso de vacinas de fabricación chinesa ou rusa, cuxa eficacia foi testada pola comunidade científica internacional e por ducias de países que lla teñen subministrado á súa poboación. Está visto que a confesionalidade cun bloque xeoestratéxico pesa menos que a vida.

Comentarios