Opinión

A sanidade nos ósos

Martxelo, Vicent, feliz ano. Un desexo que estendo aos lectores e lectoras. E entrando agora en materia, era sabido! Os días previos ao comezo da campaña de vacinación contra o coronavirus diversos colectivos médicos advertiron de que a situación de debilidade extrema da Atención Primaria debido aos recortes dificultaba acometer con garantía a inmunización. O médico do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Lorenzo Armenteros, afirmaba que a Atención Primaria "non estaría preparada" para levar adiante "unha teórica vacinación masiva" porque "non se reforzou" con máis persoal.

Abondou con que dese comezo a inoculación para confirmar atrasos na vacinación da poboación e para evidenciar que o actual ritmo de traballo non fai posíbel desenvolver o labor nun tempo razoábel. Á marxe dos erros de organización derivados das decisións das respectivas autoridades sanitarias, a causa principal que imposibilita vacinar nos tempos previstos está directamente asociada á falta de medios humanos nuns centros de saúde que están sendo sometidos desde hai décadas a procesos de recortes debido á aplicación da lóxica neoliberal.

Abondou con que dese comezo a inoculación para confirmar atrasos na vacinación

Alén de que as autoridades sanitarias competentes teñan a tentación de aplicar a súa particular “doutrina do shock” entregando parte do proceso de vacinación ao negocio privado -camiño xa iniciado como abandeirada da causa neoliberal por Isabel Díaz Ayuso-, a xestión da pandemia volve pór en coiros as debilidades dun sistema de saúde sometido a un proceso de desmantelamento por parte de determinados poderes públicos, cuxa conivencia cos grandes operadores privados é coñecida. Unha debilidade do sistema público de saúde que no caso galego provocou, segundo as asociacións en defensa da sanidade públicas, desde o comezo da pandemia a paralización de arredor de 3.000 operacións, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas. 

Comentarios