Opinión

A España de Colón

Hai unha España en loita contra o progreso desde hai séculos. É a España hexemónica, a dos poderes económicos, a que dirixe os aparatos do Estado, a que manda nas estruturas dos partidos políticos, a que ten medo ás urnas e anula resultados botando man mesmo das togas cando non gusta dos mesmos, a que recorre á guerra e ao xenocidio do rival porque non é quen de dialogar, a que sempre volve porque nunca se vai. Esa España que a finais do século XIX inventou os campos de concentración e as modernas políticas de exterminio para pór freo ás ansias de liberdade do pobo cubano e que á volta de 1936 combateu o inimigo interno é a que se mobiliza contra os indultos aos presos políticos cataláns.

A manifestación na madrileña praza de Colón é máis que unha protesta contra a vontade gobernamental de resolver a situación penitenciaria dos dirixentes nacionalistas cataláns. Representa a reacción dunha parte significativa da opinión española contra calquera cambio que altere o status quo definido na Constitución de 1978. Vestidos coa roupaxe do constitucionalismo -confeccionado nos cuarteis, primeiro por Prim, despois por Cánovas e reelaborado polos gardiáns do réxime actual, que institucionaliza como dogma a "unidade da patria"- lánzanse a unha nova cruzada contra o inimigo interno que desde as nacións do Estado apostan pola súa democratización.

A conxuntura política actual non se explica sen entender as vagas de fondo na formación social española. Asistimos a unha actualización da axenda ideolóxica do españolismo, coherente coa súa formulación por parte das xentes do 98, para facer fronte á crise do réxime da II Restauración, esporeada pola actuación dos nacionalismos, fundamentalmente o catalán, cuxas receitas volven pasar pola españolización, europeización, rexeneración e as reformas, o recorrente cuadrilátero da intelixencia mesetaria. Estamos, outra vez, diante dunha ofensiva reespañolizadora para construír un futuro/destino común, mediante o combate á disidencia interna, cun cargamento de munición a granel para afirmar unha españolidade sen complexos.

Comentarios