Opinión

146.000 fogares galegos pasan frío

A Galiza é unha grande produtora de electricidade. Segundo os últimos datos de xeración achegados por Rede Eléctrica Española (REE), referidos ao primeiro semestre de 2021, a Galiza exportou o 35% da electricidade producida -no mesmo período de 2020 a porcentaxe foi de 31,8%-. As cifras situáronse na liña de pasados exercicios, en que a xeración anual ficou na orde de 27.000 a 33.000 xigavatios hora de electricidade e o consumo en 20.000. Deste modo, a terceira parte da electricidade producida polas distintas fontes non se utiliza na Galiza e vai cara a outros territorios que consumen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais. No conxunto de 2019, a exportación marcou o 25% e o 35% en 2018.

O modelo eléctrico vixente no Estado español non prima os territorios produtores ao fixar o custo final co denominado sistema marxinalista, un modelo, como xa lembramos nestas páxinas, empregado na Unión Europea e que ten a súa orixe no Chile da ditadura militar de Pinochet. Desde California e o Reino Unido exportouse á UE. O modelo, expresión rematada do programa neoliberal, naceu pensado para maximizar os beneficios empresariais e non para favorecer a eficiencia do sistema eléctrico, a produtividade nin os intereses das persoas consumidoras. De feito, a alza dos prezos da electricidade dos últimos meses non se explica sen o sistema marxinalista, que mesmo o Goberno de Pedro Sánchez tentou pór en suspenso sen atopar o apoio da Comisión Europea.

A terceira parte da electricidade producida non se utiliza na Galiza e vai cara a outros territorios que consumen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais

A maior prezo da luz, maior pobreza enerxética. A este respecto, a recentemente publicada Estratexia de Pobreza Enerxética do Goberno do Estado español vén de revelar que 146.000 fogares galegos careceron dos “medios necesarios para cubrir necesidades básicas de subministros de enerxía como consecuencia dun nivel insuficiente e que se pode ver agravado por dispor dunha vivenda insuficiente en enerxía”. Infelizmente, o 13% do total das vivendas galegas pasou frío en 2020.

Comentarios