Opinión

Outro 10 de marzo en Ferrol

O 10 de marzo está escrito con tinta de sangue na memoria da loita obreira da Galiza. Na mañá do 10 de marzo de 1972, as forzas da orde disparaban contra unha mobilización dos traballadores do sector naval ferrolán, deixando mortos dous operarios, Amador Rey e Daniel Niebla, ferindo ducias deles e comezando unha dura persecución contra centos de demócratas no conxunto da Galiza.

As demandas dos obreiros de Ferrol, que naquela xornada defenderon un convenio propio para o seu centro de traballo diferente ao existente para o conxunto do Estado, continúan presentes hoxe na loita sindical do país, que ten na reivindicación dun marco galego de relacións laborais un dos seus principais sinais de identidade. En lembranza daquela data, o 10 de marzo conmemórase o Día da Clase Obreira Galega.

A situación de Ferrol e o exemplo da súa clase traballadora deben ser motivo de reflexión á hora de afrontar a actual conxuntura  económica

Outro 10 de marzo, neste caso de 2021, as organizacións sindicais desenvolveron unha folga xeral nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para exixir solucións á crise económica. A xornada, valorada polas organizacións promotoras como un éxito de participación e que quedou reflectida na manifestación masiva de Ferrol -malia as circunstancias sanitarias-, puxo o foco no impacto da pandemia na actividade económica dunha área da Galiza duramente golpeada desde a década dos 80 polas políticas de reconversión industrial impulsadas desde o Estado español atendendo aos ditados da UE. Tanto é así que un dos primeiros polos industriais do país, cun sector naval na vangarda desde o século XVII, está a sufrir unha crise que pon en risco o pouco que fica do seu tecido produtivo.

A situación de Ferrol e o exemplo da súa clase traballadora deben ser motivo de reflexión á hora de afrontar a actual conxuntura económica. O acontecido após 2008 é un exemplo a non repetir polo que significou de retroceso nos dereitos sociais e laborais. Toca agora empurrar a favor da historia, aquela que escriben as maiorías sociais e que hoxe na Galiza se chama emprego digno e con dereitos na terra.

Comentarios