Opinión

Para M. X. Queizán

Logo de ler a túa aportación publicada en Sermos…, sentín necesidade de facer un escrito coas miñas coitas froito de pensamentos igual de interesantes que os teus, aínda que ben diverxentes. Ao remate da miña leitura conclúo que te decantas por abominar de todas as bandeiras. Como é de deducir, considero esta eleición perfeitamente lexítima. Faltaría máis. Unha ama e odia o que elixe e o que pode. Non obstante, o fío argumental é francamente mellorábel, como se lle di aos nenos para que non se desanimen. En primeiro lugar, fas referencia aos teus recordos infantís sobre a paisaxe urbana con profusión de bandeiras, iso si, fóra do teu entorno familiar directo. De que bandeiras se trataba? Adiviñamos que da española, porque para acontecementos de ornato urbano tanto civil como relixioso era a única permitida. Comprendo perfeitamente que che parecese —sendo nena polo significado familiar— un insulto soportar esa invasión. Comprendo que lle quede a unha fartádego de bandeiras, mesmo das feministas —que, non obstante, tes enarborado— pero de aí á proposta de eliminar socioloxicamente o uso de símbolos nas loitas sociais haiche unha moi boa diferenza. Un símbolo é, por definición, un elemento inmaterial que reúne nunha soa existencia un conxunto complexo de elementos materiais identificadores dun proxecto. Pódese crer que xa se está de volta de todo e pasar por riba dos símbolos porque ao intelecto non se lle fala cos símbolos; pódese defender que a análise dos acontecementos sociais que conforman os movementos sociais ten necesariamente que transcender os aspectos meramente simbólicos, e, como é esperábel na análise social, elaborar interpretacións que, partindo da base material cheguen aos símbolos e ao seu papel nos procesos sociais; pódese facer calquera cousa, menos xustificar que o uso de bandeiras e outros símbolos é típico da dereita carpetovetónica.

O segundo nó do argumento é, por parcial, e dun só eixo de foco, francamente deplorábel. Dicer a estas alturas que odias as bandeiras e os símbolos cataláns porque explotaron aos galegos na emigración é penoso, por non dicer burlesco. Os galegos levamos emigrando aproximadamente desde 1850, e seguimos na mesma. Vou relatar a cantidade de odios resumidos en bandeiras que podes colocar no mesmo andel que a catalá: Cuba, Arxentina, Uruguay, Brasil, Puerto Rico, Venezuela, EEUU, Canadá, Noruega, Reino Unido, Irlanda, Franza, Alemaña, Suíza, Holanda, Bélxica, Andorra, Portugal,… e os asiáticos de nova chegada, para rematar con Baleares, Canarias, Euskadi- Navarra e máis España. O problema onde estará? En que nos explotan fóra —un montón— ou en que dentro non hai suficiente capital propio ou arroallo gobernativo propio para ter aquí traballo e esquecer as bandeiras dos outros? Onde está o dano que nos ten feito Cataluña en, como dis ti, explotar os galegos, en acoller os que son expulsados, economicamente falando, da súa terra, ou mesmo en integralos de modo e maneira que son parte dos galegos alí instalados os que enarboran bandeiras catalás? Ás veces, focos moi estreitos, de lente só de proximidade, impídennos contemplar a realidade social moito máis rica e complexa dos nosos desexos ou das nosas derivas políticas persoais.

Comentarios