Opinión

Lobo Ramón

Unha nunca sabe onde vai aparecer a semente, ese primeiro momento da historia, a idea que alumea sobre as outras sen un motivo especial. E iso é, en parte, a maxia da literatura, deixarse levar polos impulsos, pola chamada das propias historias, que deciden como e a quen se lle contan.

O que neste caso fai especial este lobo é que é un vello coñecido na nosa casa, nun sentido amplo. Pais, fillos, netos, curmáns, avós, tíos... son moitos os que sabían da existencia de Ramón e Pancho, personaxes que naceron nas noites nas que a nosa filla maior, Ana, non era quen de durmir. O papá metíase na cama coa pequena e comezaba a contarlle curiosas anécdotas dun lobo singular. Gustábanlle tanto á cativa que chegaron a provocar nela o efecto oposto ao buscado. En lugar de adormecer, abría os ollos e seguía as peripecias daquel ser único sen perder detalle. Incorporábase, preguntaba, daba ideas, solicitaba e, sobre todo, ría. Ramón e os seus amigos facían feliz á cativa, que finalmente adormecía cun sorriso no rostro.

Á mañá seguinte, Ana contaba o resumo ou a súa versión do conto da noite anterior. Así fomos todos coñecéndoo, un personaxe que marcou as súas características distintivas desde o comezo. A ese “Ramón oral” non lle gustaba atemorizar, encantábanlle os alimentos cociñados e non lle acaían as normas estritas da manda. Era un lobo solitario ao que, pola contra, lle agradaba facer amigos.

Tanto “éxito” e “demanda” tiña na nosa casa que só nos faltaba que se fixese realidade. E aí apareceu o meu “deber”, o de escribir algunhas das aventuras que lle acontecían a Ramón, deseñar o comezo da súa historia.

A única alternativa posible era a de poñerse “mans á obra”, creando un lobo que mantivese a esencia daquelas invencións nocturnas.

Así naceu Ramón, unha fera que non encaixaba na agresividade da manda. Non era un lobo aterrador, arisco ou agresivo. Non probaba a carne, pero devecía por unha boa empanada de bacallau con pasas. Gustáballe andar ben amañado sempre. E, sobre todo, gustáballe estar con compañeiros diferentes, porque dos que pensan distinto a un é de quen máis podemos aprender. Claro que achegarse a un coello, un xílgaro ou unha cabra, tíñao complicadísimo por mor da mala fama que teñen os cuadrúpedes coma el.

Así que, nos seus primeiros intentos por integrarse na comunidade diversa do monte, apañou máis desgustos ca éxitos. O mesmo pasou cos humanos. A sona do lobo aínda é a dun animal temible.

Ramón leva ás costas a etiqueta pero, co seu proceder, pouco a pouco vai gañando a confianza e amizade dos demais animais. Iso si, non hai cousa que non lle pase a el! É un pouco zoupón, así que coas súas leas non intencionadas vai provocando a risa do lector, que cada vez lle fai un oco máis grande ao lobo no seu corazón. Porque, as cousas como son, coa súa bondade por bandeira, Ramón é un personaxe que se fai querer.

A historia, alén de promover o respecto polos que son diferentes, polos que traspasan a liña do que se considera canon da normalidade, tamén promove o coidado polo medio ambiente e a importancia de achegar os grans da area para crear comunidade, así coma a axuda que todos podemos dar e algunha vez necesitamos recibir. Non podía faltar unha loanza á vida tranquila, máis achegada á natureza.

No libro valórase a observación e a limpeza da contorna, desde a terra, a auga e o ceo. E, como vén sendo habitual nos meus textos, hai un canto ás pequenas cousas, esas que, no fondo, definen a nosa vida.

O do Lobo Ramón é un relato sinxelo, a xeito dos contos tradicionais nos que os animais eran os personaxes principais da historia. Unha historia que pretende entreter, divertir e facer reflexionar.

Ramón é quen de tecer unha arañeira de afectos diversos, tan forte que, cando Ramón desaparece por un tempo, todos os seus amigos se organizan na súa procura. A manda á que pertence, por certo, non volve preocuparse por el.

Con todo, a proba máis importante á que se expón o Lobo Ramón é a lectura por parte de Ana, unha vez convertido en libro, e a presentación a Mariña, a irmá pequena que agora xa o pode herdar. Superouna, por certo.

Comentarios