Opinión

‘Spanish is cool’

Isto é así. O castelán é unha lingua que está moi ben, non? O castelán mola. Ten moreas de falantes e, ademais, soa ben, é boa de escoitar, boa de articular. É unha lingua que ten a súa complexidade mais tamén é fluída. É perfecta.

Supoño que iso será o que se lle pasa pola cabeza a certas persoas cando falan da grandeza do castelán ou das causas da súa expansión pola Península Ibérica. Din que é unha lingua que no seu momento foi o suficientemente innovadora como para se adaptar ás necesidades dunha sociedade que se estaba a modernizar. Mais innovadora que o catalán ou que o galego, claro. Por iso triunfou. Por iso é a lingua máis importante do Estado. E, non só iso, senón que ademais é a máis bonita. 

Como vedes, nas liñas anteriores tentei reproducir unha serie de prexuízos que se poden escoitar con frecuencia na sociedade, mais tamén nos medios de comunicación na boca de persoas que supostamente son expertas na materia. Eu non sei se estas persoas son conscientes de que están a espallar mentiras, aínda que prefiro pensar que non, que verdadeiramente están convencidas do que din e queren compartir (non manipular) coa sociedade o seu coñecemento especializado. Ou talvez simplemente queren alimentar o seu ego. En todo caso, non lle vexo nada positivo a espallar este tipo de prexuízos sen fundamento ningún, pois estes normalmente acaban xerando cada vez máis odio e máis falta de empatía. E, sobre todo, bastante medo irracional á diversidade.

O que de verdade importa para que unha lingua sobreviva é que debe manter o seu status como lingua do país

Mais, por que digo que non teñen fundamento? Acaso os seres humanos non podemos ter opinións e percepcións diferentes? Acaso non podemos pensar que a maior parte da poboación do Estado considera, por vontade propia, que o castelán é a lingua máis bonita do mundo? Acaso non é unha lingua innovadora e por iso chegou a ser a máis falada da Península? Cal podería ser a razón?

Ben, en primeiro lugar, pódese dicir que as linguas son, en esencia, instrumentos. Están ao servizo das persoas que as falan e, por tanto, as mudanzas que nelas se producen están estritamente relacionadas coas mudanzas sociais e políticas que teñen lugar na comunidade de fala. O propio concepto de lingua é relativo: dous códigos moi próximos desde o punto de vista léxico e gramatical poden ser considerados como idiomas diferentes por razóns históricas ou políticas. Isto quere dicir que, se hai algo que pode influír na transformación, no espallamento ou mesmo na morte dunha lingua, non é a súa propia configuración interna, senón sempre cuestións externas: desde a perda de falantes até as mudanzas sociais ou as accións políticas deliberadas. Se queremos entender por que o castelán se estendeu polo Estado debemos atender a cuestións deste tipo: cómpre poñermos a traballar a memoria e sumar dous e dous para ver a relación entre a situación política do século pasado (e os anteriores) e a situación sociolingüística actual. 

Dous códigos moi próximos desde o punto de vista léxico e gramatical poden ser considerados como idiomas diferentes por razóns históricas ou políticas

Entón, o castelán non é unha lingua innovadora? Como instrumento de comunicación adáptase ás necesidades dos falantes. Porén, se o castelán fose a lingua máis innovadora da Península tamén o portugués estaría desprazado, non? Ou é que non tiveron oportunidade de competir por ver cal das dúas era mellor e máis moderna durante os anos de monarquía filipina en Portugal? Mais isto non aconteceu porque o que de verdade importa para que unha lingua sobreviva é que debe manter o seu status como lingua do país. A xente non vai deixar de empregar a lingua propia polo simple feito de que chegue outra que lles pareza máis bonita ou moderna. Se a xente perde a lingua propia é porque hai axentes externos que propician esta perda.

E non, non hai linguas bonitas ou feas. Hai estratexias para describir as linguas en termos de beleza e pureza que responden aos imperativos do colonialismo e imperialismo lingüístico. Por que? Xa falei de Babel noutra ocasión: o que queren é homoxeneizar aquilo que é diverso, vendendo unha idea falaz de igualdade (esa que nos vende o capitalismo), para conseguir ampliar o seu propio poder. Si: tamén coas linguas hai quen xoga a ver quen manda máis. E nós que podemos facer? Eu diríavos que falásedes galego. Aínda que o castelán está moi ben. Spanish is cool, sobre todo se o dis en inglés.

Comentarios