Opinión

Para que serve unha lingüista?

Para pouca cousa. Como case todo cando o pasas pola peneira do relativismo. Supoño que é unha teima común de moitas persoas esa de procurarlle un sentido ás cousas que fan. Outra teima ben diferente é a de cuestionar todo o que fan aqueles individuos cos que convivimos. Mais ese é outro tema.
Para que serve o que fago? Certamente non estou a combater pandemias, nin a salvar vidas. As consecuencias de ser lingüista non terán unha transcendencia mundial. Nin sequera comarcal. Somos creadoras de algo positivo? Traballamos por ese ser case mitolóxico (que ninguén sabe moi como é) chamado “ben común”? Facemos un labor social? Pois non o sei. Mais algo faremos, non? Algún sentido terá, verdade?

Non, non estou a ter unha crise de identidade que me está a facer reflexionar sobre as miñas decisións vitais. Tampouco quero falar sobre o concepto de utilidade. A miña única intención é tentar responder á pregunta que encabeza este artigo, por se alguén, coma min, ten dúbidas.

Supoño que o máis sinxelo será comezar por dicir para que non serve unha lingüista. Ao contrario do que podería pensar alguén, non servimos para loitar contra os supostos perigos aos que se enfrontan as linguas. Non imos pola vida corrixindo ou criticando falantes que deturpan a grandeza do idioma cos seus neoloxismos, cos seus rexistros coloquiais, cos seus trazos dialectais! A lingüística non cre no erro. Polo tanto, non hai nada que corrixir. Supoño que xa imaxinades que todas esas supostas deturpacións son en realidade produtos da imaxinación de persoas con tempo libre e bastantes prexuízos. Os prexuízos son algo común. Acontecen porque as diferenzas que existen na sociedade tamén se reflicten nas linguas, de maneira que a forma de falar (ou de vestir) que ten cada persoa sempre nos vai dicir algo sobre a súa identidade. E nós teremos opinións baseadas na nosa propia experiencia, na nosa ideoloxía ou nas nosas crenzas, que moldearán a idea que temos desa persoa. E moitas desas opinións serán simples prexuízos.

Non corriximos nin criticamos falantes que deturpan a grandeza do idioma con neoloxismos, rexistros coloquiais ou trazos dialectais

As lingüistas tampouco servimos para dicirlles ás persoas como teñen que falar. Para iso están as Academias, pensaredes. Pois tampouco. O que as Academias moldean (se é que moldean algo) non é a fala espontánea, a lingua real. As recomendacións das Academias poden servir, como moito, para modificar iso que chamamos “estándar”. E que é o estándar? Aquí as lingüistas si que temos algo que dicir (e repetir): a identificación entre lingua e variedade estándar é unha asociación que parte dunha visión equivocada da natureza do idioma. A maneira máis evidente de negar esta asociación é reflexionarmos sobre a existencia de linguas que non teñen unha norma: acaso non son linguas? Pois si, son. Son códigos de comunicación tan válidos como calquera outro con centos de dicionarios e gramáticas. Estou a dicir con isto que o estándar non é útil? Pois non, mais como di Suzanne Romaine, o feito de que exista unha norma pode crear a idea de que o estándar é a única variedade lexítima e verdadeira, mentres que as outras son simples versións máis ou menos corruptas desa variedade pura. Hai que ter coidado: unha cousa é que as normas teñan unha grande utilidade para, por exemplo, asegurar a supervivencia dunha lingua ou facilitar o seu ensino, e outra moi distinta é pensar que está ben dicirlle á xente que non fala ben porque non está a “respectar” os sagrados mandamentos do estándar. Spoiler alert: ninguén fala estándar. 

Entón as lingüistas non salvamos vidas, non lle dicimos á xente como ten que falar e temos unha rara obsesión por desmentir eses prexuízos cos que as persoas se senten tan cómodas. Para que servimos? Non sei. O que máis facemos é describir. Temos a idea de que observando a realidade e describíndoa poderemos entender por que acontecen as cousas. As linguas evolucionan á súa maneira e nós tratamos de retratala. Investigamos, escoitamos, sorprendémonos moito e respectamos aquilo que fan as e os falantes porque son os únicos axentes que poden asegurar a supervivencia dunha lingua. Tamén os únicos que poden moldeala. E nós documentamos todo iso como podemos. Para que? Pois como con todas as profesións: se hai sorte, para obter un salario digno ao final de cada mes. Aínda que iso xa é outro conto...

Comentarios