Opinión

Ratas

No mes de febreiro as lectoras deste xornal puidemos comprobar como as ratas conquistaban unha parte dos nosos servizos públicos. Ben, pode ser que houbese por aí algunha persoa espelida que xa tivese idea desta “conquista”, e haberá tamén alguén que diga que as ratas xa levan aí (ou aquí, ou “arriba”) bastante tempo. Non obstante, para outras quizais a noticia foi sorprendente e até difícil de acreditar e dixerir: o desmantelamento dos servizos é tal que as ratas xa se pasean polas instalacións da cociña do Hospital de Ourense. Poderiamos pensar que están a experimentar con novos sabores e fusións, ou que se descubriron os beneficios da dieta a base de roedores para as persoas con certas patoloxías. Pois non. Na nosa cultura, polo menos, as ratas están asociadas a infeccións, a enfermidades, mesmo a pragas e, por suposto, a serias carencias de hixiene. E tampouco o Hospital de Ourense ten agora servizos de veterinaria que compartan espazo coa cociña, de maneira que non hai posibilidade de pensar que esas ratas son tamén pacientes. Paciencia é o que lle cómpre ao persoal que ten que lidar coa situación todos os días. Entón, que xustificación podemos atopar para o que está a acontecer?

Comecemos polo máis importante: as ratas non teñen culpa. E falo da culpa porque é esencial. Cando as cousas non van ben sempre tendemos a buscar culpábeis e, neste caso, o fácil sería poñer o foco neses animais que tan pouca simpatía nos causan. Pois neste caso non o imos facer: as ratas non teñen culpa de seren ratas, nin de portaren infeccións e enfermidades, nin moito menos de teren descuberto un novo fogar entre os fogóns do hospital. Porén, iso non xustifica a situación, non?

Se non podemos culpar os animais, podemos buscar a xustificación por outro lado. E é que esa cociña é unha cociña vella que debería estar pechada. Ademais, xa hai outra cociña construída para substituíla. “E por que non a abren?”, poderá pensar alguén. Pois non o sei. Talvez sexa simplemente unha cuestión de axenda. Entón, a nosa histeria non ten moita xustificación porque cun pouco de paciencia a situación acabará por se resolver. E, alén diso, deberiamos estar máis preocupadas por outros virus (aquí si que hai histeria) e non polas condicións nefastas dunhas instalacións que deberían estar ben limpas e desinfectadas, para non contribuír a agravar enfermidades ou crear outras novas. O mellor vai ser esperar a que todo se resolva, e xa está.

Agora ben, as necesidades das persoas non se poden medir con base en axendas políticas. As necesidades das persoas non entenden de campañas, de eleccións, de calendarios, de publicidade, de privatización nin de estratexia. Unha cousa necesaria é unha cousa que non pode deixar de ser ou de acontecer. As pacientes do Hospital de Ourense necesitan seren atendidas e alimentadas con todas as garantías de hixiene. O persoal que traballa na cociña necesita ter un ambiente de traballo digno e seguro. E nós, as que lemos os xornais, as que escoitamos discursos e asistimos a mitins, necesitamos saber. Saber para que serven os nosos votos, saber se alguén escoita as nosas reclamacións, saber se nos podemos fiar das persoas que están no poder ou se é que ao final imos ter tamén un Parlamento inzado de ratas. E, para que o señor presidente poida entender o fastío que supón unha situación como a que están a padecer en Ourense, poderiamos dicirllo cunha frase que seguro que lle gusta: o das ratas é moito. O desmantelamento dos nosos servizos públicos é moito.

O das ratas é só unha imaxe máis da precariedade que invadiu o Sergas grazas ás políticas do goberno da Galiza. A redución ou peche de servizos, a construción de centros defectuosos ou os recortes nas horas de traballo de determinadas especialistas son só algúns exemplos contados dunha situación que empeora continuamente. E as pantomimas publicitarias das campañas tentan por veces eclipsar o ollar crítico das persoas que diariamente sofren as consecuencias das políticas nefastas que semellan atacar deliberadamente aquilo que é (ou debería ser) de todas e de todos. Non nos deixemos eclipsar, por favor, non vaia ser que tamén a política a conquisten as ratas.

Comentarios