Opinión

Outra vez Babel

Sempre que a diversidade lingüística está no foco da opinión pública hai un mito que volve: Babel. En esencia, este mito bíblico explica a orixe da diversidade lingüística baixo unha perspectiva que poderiamos catalogar como catastrófica. Babel é a expresión máxima dunha concepción negativa do plurilingüismo que entende que as linguas (en plural) son un castigo. A lóxica é bastante simple, ou simplista: se todas as persoas falasen a mesma lingua sería máis doado entenderse e non existirían as barreiras entre nós.

Porén, o que hai detrás do mito son prexuízos, canto menos, pouco realistas. 

Dicía Jesús Tuson que talvez os seres humanos non sexamos máis que linguas e que, cando unha lingua se perde, tamén perdemos unha parte de nós. Non sei se as persoas estamos feitas apenas de auga, carne, óso e linguas, mais si sei que non poderiamos entender quen somos sen antes coñecer aquilo que falamos. No mundo existen moitos idiomas porque tamén existen moitas persoas, moitas culturas, moitas maneiras de pensar, sentir, crear, amar. Existen moitas linguas porque somos seres marcados pola diversidade. Non obstante, nin a diversidade lingüística nin a sociocultural son nin serán nunca barreiras. Falar linguas diferentes non impide a comunicación: o único que fai que non nos escoitemos é a nosa falta de vontade para escoitármonos.

Non poderiamos entender quen somos sen antes coñecer aquilo que falamos

Proceder de culturas diversas e ter costumes diferentes tampouco impide que nos entendamos: o único impedimento é a falta de empatía. Se lle preguntásemos a unha crianza se desexaría que todas as persoas fósemos exactamente iguais, probablemente, despois de reflexionalo, respondería que non. Non creo que ningunha crianza fose quen de gozar co aburrimento, co fastío da repetición, de contemplar sempre as mesmas caras, de escoitar as mesmas opinións. Por iso, pensar que na suposta uniformidade das sociedades humanas pode estar o segredo da harmonía, da paz mundial ou algún paraíso perdido é, xa o dixen, pouco realista. 

Por outra parte, tampouco falar só unha lingua implicaría acabar coa diversidade. As linguas, como as sociedades, son diversas por natureza, existen apenas na variación. Que todas as persoas falamos de maneiras diferentes é algo tan evidente que pode ser comprendido por calquera ouvido non experto que percorra a xeografía galega. Así que, se agora todas as persoas comezásemos a falar unha lingua única por decreto divino, imaxino que bastaría pouco tempo para comezar a percibir diferenzas entre os falantes de Francia e os de Cabo Verde. O prexuízo da uniformidade dunha lingua común que se esconde no mito de Babel é, tamén, pouco realista.

As linguas, como as sociedades, son diversas por natureza

Mais, se todo iso é tan imposible, tan falaz, por que outra vez Babel? Por que outra vez se fala dos supostos perigos do plurilingüismo? Moreno Cabrera trata habitualmente nos seus traballos dous conceptos que definen moi ben a situación que existe no Estado español e que nos poden axudar a comprender o que acontece: son os conceptos de nacionalismo lingüístico español e de españolismo lingüístico. Podemos entender o nacionalismo lingüístico español como unha máquina de produción de prexuízos cuxo fin último é a soberanía dunha lingua que os seus adeptos consideran mellor, máis pura, máis auténtica, máis lingua. Unha lingua de verdade, cos seus millóns de falantes, coa súa literatura, cos seus procesos de colonización. Unha lingua máis digna, máis unificadora, máis limpa, máis gloriosa. Cun discurso que ben podería rozar a épica, estes defensores da lingua única repiten constantemente que as outras linguas atacan a integridade da lingua salvadora. Dito doutro xeito: o español está en perigo por culpa da diversidade.

Comprobar que isto é unha distorsión deliberada da realidade é tan sinxelo como procurar as cifras do número de falantes de español nos últimos anos. Si, o número vai en aumento. Facede o mesmo co galego e veredes o que acontece. Entón, por que outra vez o mesmo odio, os mesmos prexuízos, o mesmo mito? Pois porque así é como funciona a máquina do españolismo máis colonizador: para coidar o seu ego precisan arrasar con todo, queimar todo aquilo que é diverso, afogar todo o que é minoritario. Mais non vos preocupedes: se están a facer barullo é porque aínda respiramos.

Comentarios