Opinión

Mudanzas

Hai moitos tipos de mudanzas. As miñas favoritas son as lingüísticas. Fascíname ver como hai certos factores, internos ou externos ás linguas, que propician transformacións no seu léxico ou na súa gramática. Tamén me encantan esas mudanzas pendulares, esas modas que parecen que van perdurar para sempre, xogando coa paciencia e co sentido da corrección dos máis puristas, e despois desaparecen, ou volven á orixe. Aínda que tamén hai mudanzas lingüísticas que nos producen unha certa tristura: son aquelas causadas pola crueldade dun axente opresor que vai destruíndo todo ao seu paso. Esas xa non me gustan tanto.

Outras mudanzas, menos interesantes e bastante máis esgotadoras, son as que implican o traslado de mobles e obxectos desde unha vivenda a outra. Esas mudanzas son as que nunca preparamos o suficiente, as que sempre nos sorprenden con máis cansazo do que esperabamos. Son esas mudanzas as que nos ensinan que somos demasiado materialistas, que gardamos demasiadas cousas innecesarias e que somos individuos que nos acomodamos con moita facilidade.

A perda da vergoña que tiñan certos colectivos racistas, supremacistas ou fascistas é unha mudanza social?

Tamén están as mudanzas sociais, algunhas máis revolucionarias, máis esperanzadoras, e outras, en fin, outras menos. Cando falamos de mudanzas sociais normalmente pensamos en cousas boas: cando un colectivo minorizado (case nunca minoritario) acada dereitos que non tiña, cando remata un conflito, cando as persoas conseguen vivir mellor do que vivían. Poucas veces nos referimos ao aumento da violencia como unha mudanza social. Talvez é porque asociamos a mudanza cunha certa idea de evolución (se é que a evolución non é unha falacia), ou talvez porque preferimos ser optimistas neste ámbito. Sexa como for, habería que pensar se realmente dicir que algo muda na sociedade e falar de mudanzas sociais son sinónimos. Por exemplo: a perda da vergoña que antes (parecía que) tiñan certos colectivos racistas, supremacistas ou fascistas é unha mudanza social?

A falta de empatía e de solidariedade das persoas que agora teñen medo ao contacto é unha mudanza social? O aumento da fame, da pobreza, do medo, da miseria, do odio, do pesimismo xeral, son mudanzas sociais? Eu non teño resposta para esa pregunta. Non sei se se pode dicir que o aumento do odio é unha mudanza social, mais si penso que é importante nomear estes procesos que se producen nas sociedades. E tamén é importante investigar e sinalar a súa orixe. Como cando falamos da variación e das mudanzas lingüísticas, que tamén identificamos os factores que as desencadean para poder explicalas e investigalas. Porque, normalmente, este tipo de cousas non existen porque si. E a causa é aínda máis importante cando a mudanza social pode producir unha transformación tan negativa que corre o risco de chegar a ser irreparábel. Porque os síntomas son apenas indicios físicos, observábeis, que nos alertan da existencia dunha enfermidade que debe ser diagnosticada.

A causa principal da non-mudanza social é case sempre a ineptitude ou a falta de vontade política

Mais sigamos coa nosa clasificación. Podemos falar tamén das mudanzas de opinión, que poden producirse a nivel individual ou colectivo. Normalmente, cando pensamos diferente é porque acabamos de aprender algo novo. Por iso a educación moldea e as lecturas e vivencias transforman. O noso pensamento non sempre ten a mesma forma, o mesmo tamaño, a mesma cor, porque está exposto a todo tipo de aprendizaxes. Esas aprendizaxes, porén, non sempre parten da verdade nin da boa intención do axente que as desencadea.

As últimas mudanzas das que quero falar son aquelas que nunca se producen. Aquelas que un colectivo reclama, aquelas que todo o mundo agarda con impaciencia e nunca chegan. Podemos chamarlles non-mudanzas. A causa principal da non-mudanza social é case sempre a ineptitude ou a falta de vontade política. Podemos pedirlle mil veces a un presidente da Xunta que, por exemplo, poña os medios necesarios para resolver os problemas da educación e el, simplemente, pode negarse, alegando que eses problemas non existen. E nós, na nosa individualidade e na nosa colectividade, podemos responder ou podemos calar. As mudanzas poden ser boas un malas, mais as non-mudanzas son normalmente perigosas. Porque nacen da inercia. E a inercia case sempre aliena.

Comentarios