Opinión

Mentira

No mundo da información asfixiante hai verdades que continúan inalterábeis. Unha delas é que, por veces, a mentira é un placebo. Temos moreas de exemplos nesta actual sociedade asoballada polo tedio, a incerteza e a simple vontade de culpar. As mentiras, ou as medias verdades, ou as posverdades, circulan entre nós de maneira máis rápida e efectiva do que calquera verdade crúa podería chegar a circular. As mentiras funcionan algunhas veces como funciona a pólvora que alimenta o odio e fai estourar aquelas partes de nós que gardabamos con certa vergonza no armario dos defectos. Outras mentiras calman as nosas ansias de buscar culpábeis en situacións que consideramos inxustas. Hai mentiras que serven para disfrazar o noso egoísmo, outras para retratar supostos egoísmos alleos, e mesmo algunhas teñen unha utilidade tan grande que até poden construír con éxito auténticas campañas políticas das máis efectivas. A mentira é unha arma ben forte.

O que estou a dicir non é nada novo, xa o sei. As mentiras sempre circularon entre nós, máis ou menos veladas, dependendo da habilidade de quen as contase. O problema é que hoxe, e máis coa nosa capacidade crítica practicamente confinada (e non por culpa do 8-M, do bicho ou das medidas do goberno), as mentiras circulan rápida e masivamente e, o que é peor, sen necesidade algunha de disimulalas ou disfrazalas de verdades. As mentiras chegan a todos os ámbitos da sociedade e a todos os contextos das nosas vidas, mesmo a aqueles onde o esperábel é a honestidade máis pura. Non hai que dicir verdades para convencer, para facer política, para emprender, para ter éxito, para manipular ou para vender.

Estas novas-vellas mentiras teñen, ademais, numerosas canles de difusión. A boca e a orella, si, mais tamén outras canles modernas como as redes sociais que nos atrapan e arrastran a todas, e mesmo algunhas canles que funcionan como ferramentas de lexitimación desas mentiras, como poden ser algúns medios de comunicación debidamente financiados por intereses ideolóxicos concretos. As mentiras teñen por veces unha orixe difusa, mais espállanse a gran velocidade polos nosos dispositivos e por moitos cerebros contaminados coa estética plana da posverdade. Tamén teñen por veces unha capacidade incríbel de metamorfose. Poñamos un exemplo: unha persoa x tenta argumentar (supostamente de maneira crítica e con fundamento) a favor ou en contra dun determinado feito usando unha mentira fácil e cun alto grao de demagoxia. Porén, outra persoa, chamémoslle y, refuta esa argumentación cun dato obxectivo e baseado na verdade. Nese momento, a persoa x, con grande habilidade, transforma a suposta argumentación ben fundada e baseada nunha realidade falsa nunha simple opinión: “é a miña opinión e neste país hai liberdade de expresión”. Plof! Cae a verdade, caen os datos obxectivos, a mentira-argumento transfórmase en opinión e liberdade de pensamento e anula toda posibilidade de debate ou crítica! A mentira vence, porque silencia, e continúa a espallarse, agora en forma de opinión e non de argumento, mais coa mesma efectividade e facilidade coa que o facía antes de ser confrontada coa verdade obxectiva.

Entón, se estas mentiras modernas son tan rápidas e tan fortes, existe algunha maneira de loitar contra elas? Eu quero pensar que si. Talvez non sexan maneiras tan novidosas coma os exércitos de bots, mais son verdadeiramente efectivas. Combatemos a mentira rápida coa reflexión lenta e crítica. Combatemos a mentira fácil coas lecturas complexas. Combatemos a mentira aguda cos debates pausados. Combatemos a mentira que espalla odio coa simple honestidade e a empatía, coa vontade de vivirmos nunha sociedade máis aberta, máis libre e máis solidaria. Así pois, neste tempo de normalidade estraña que nos está a ocupar, invítovos a que vos armedes de libros, a que vos escoitedes a vós mesmas pensar e tamén protestar, e a que poñades a traballar a empatía coas persoas que coñecedes e coas que non. Non vos deixedes enganar ou manipular. Pensade. Cada vez que pensades a mentira perde unha batalla.

Comentarios