mércores 03.06.2020

Mal falado

Entre os mitos do imaxinario dos/as puristas da linguaxe hai un que destaca: hai xente que fala mal. Por que? Porque son demasiado coloquiais, a súa variedade xeográfica non é moi prestixiosa ou son persoas descoidadas que non manteñen a pureza da súa lingua. Así, a lingua acaba por se corromper, quer pola vulgaridade excesiva de quen non a quere coidar, quer pola retorcida escuridade coa que algúns sectores da poboación (medios de comunicación, políticos/as...) deciden manipulala. Hai xente que fala mal e iso é un problema moi grave.

Este mito do erro “maculador” é diferente dependendo da lingua. Vou comezar polo castelán, cuxa situación dista bastante da anormalidade que vive o galego. Nunha situación normal, dicir que alguén fala mal a súa lingua é unha falacia. A lingua, mecanismo de comunicación, cumpre a súa función cando permite que as persoas se entendan. Falar mal castelán sería dicir cousas como: “está mucho bien era yo”. Isto é: construír estruturas agramaticais. Porén, falar con acento andaluz (crítica actual da dereita máis rancia, clasista e xenófoba) é tan correcto como falar con acento madrileño ou murciano. E non pasa nada por empregar neoloxismos, por ampliar as acepcións dunha palabra utilizándoa en contextos novos ou por usar nos discursos a reduplicación de xénero. Algunhas destas estratexias son modas que se disipan co tempo e outras acaban por motivar unha mudanza. Está ben: a lingua está viva e funciona como instrumento democrático entre as/os falantes. Mais a diversidade de rexistros que presenta a lingua pode ser unha causa de discriminación cando a alguén se lle ocorre pensar que falar “ben” significa falar culto. A existencia do estándar (necesario para a educación, para os medios e para manter o status da lingua) pode crear a falsa percepción de que apenas a variedade estándar é válida, cando é só unha construción máis ou menos arbitraria e convencional. A verdade é que, de existir unha forma de medir a competencia lingüística, esta pasaría por estudar a capacidade que temos de nos adaptarmos ao contexto comunicativo, usando un discurso coloquial ou culto dependendo da situación. E máis nada. Todo o demais é disfrazar prexuízos (e clasismo) de aparentes perigos que asoballan a riqueza dunha lingua que, polo menos hoxe, non ten dúbidas sobre a súa supervivencia.

Quero falar agora do caso do galego, máis complexo pola situación de conflito cunha lingua “dominante”. Aquí é normal que se fale dos perigos. E tamén é preciso que todos os axentes encargados da normalización intenten evitar que a lingua se encha de castelanismos (pequena brincadeira: como fai o señor axente normalizador presidente da Xunta), dado que estas influencias do castelán non son froito dunha situación natural de contacto lingüístico. E sobra dicir tamén que a escola ten un papel normalizador fundamental, pois funciona como mecanismo de loita contra a hibridación ou mesmo desaparición da lingua.

Porén, tamén no noso caso hai mitos e prexuízos. Un deles é o dos/as falantes que non valoran a súa propia competencia lingüística: “é que eu non falo ben o galego” ou “é que eu non sei falar o galego da televisión”. Este prexuízo nace da falsa identificación do estándar coa lingua real e, na miña opinión, entraña un perigo invisíbel: o de que os e as falantes teñan medo de falar a súa lingua con naturalidade.

Outro prexuízo é que hai persoas que non falan ben porque o galego non é a súa lingua inicial. Hai que saber diferenciar a tentativa de eliminar castelanismos da persecución ás persoas que por vontade propia decidiron comezar a falar unha lingua minoritaria e minorizada e que, por razóns comprensíbeis, non teñen aínda unha competencia “total”.

E por último un mito precioso e de actualidade: hai palabras bonitas (ou bonitiñas) e palabras feas. Esas palabras bonitas que se recuperan unha vez ao ano para facer publicidade (mesmo política) e dicir que a nosa lingua é un tesouro cheo de fermosas obras de arte articuladas. Os tesouros, para os museos. O galego, por favor, que se mova vivo (nin bonito nin feo) por todas as nosas linguas.

comentarios