Opinión

Incluírmonos

Unha das funcións que teñen as linguas é a de nomear a realidade. Se a nosa lingua determina a maneira coa que describimos a realidade ou se, pola contra, é a realidade a que moldea a nosa forma de expresala semella unha cuestión similar á do ovo e a galiña. Con todo, resulta evidente que existe unha forte relación entre a propia lingua e a realidade extralingüística, que é a que propicia a maior parte das mudanzas que se producen nas linguas. O caso dos neoloxismos é un bo exemplo disto. 

Pensar que as características das linguas son totalmente independentes da realidade é ter unha visión parcial. É certo que unha maneira común de describir a gramática é facelo dun xeito formal. Por exemplo, cando se fala do xénero gramatical o común é facer referencia á súa expresión morfemática, mais non ás relacións que existen entre a expresión dese xénero e o contido ao que pode estar ligado. A razón desta descrición é que non existe unha única relación entre, por exemplo, o xénero masculino e a expresión do sexo masculino. Hai moitos casos nos que o contraste de xénero non expresa unha oposición de sexo, senón que pode gardar relación con outras características como a forma ou o tamaño. Talvez esta sexa a xustificación máis común para defender o chamado “masculino xenérico”: o xénero gramatical e o sexo son dúas cousas diferentes e non necesariamente relacionadas ou interdependentes.

Agora ben: abonda esta explicación para describir o funcionamento do xénero gramatical e das linguas en xeral? María Márquez (2013) defende que non, pois a realidade é que, no caso dos substantivos animados (e con máis frecuencia os humanos) o sexo do referente é o que motiva a escolla do xénero gramatical. Entón, quere isto dicir que sempre o xénero masculino, cando falamos de persoas ou seres animados, fai que pensemos inevitabelmente en individuos de sexo masculino? Non necesariamente, non, mais a realidade é que esa relación entre xénero e sexo está máis latente do que parece. Por exemplo, se o masculino gramatical tivese un uso realmente xenérico non sería estraña unha frase como: Lorenzo ten tres fillos: Laura, Ana e Sofía. Por outra parte, Carme Cabeza e Susana Rodríguez (2013) tamén reflexionan sobre o feito de que, tradicionalmente, o masculino foi usado en moitas ocasións como xenérico cando en realidade facía referencia só aos individuos varóns. Un exemplo é a expresión “dereitos do home”, na que o uso do substantivo “home” é interpretado como xenérico, aínda que as primeiras declaracións de dereitos estivesen unicamente dirixidas a individuos varóns. A fronteira entre os usos do masculino supostamente xenéricos e os usos específicos é, canto menos, difusa. Así, cando escoitamos a palabra presidentes o común é que veñan á nosa mente individuos varóns. Por que? Porque as persoas non podemos escapar da historia, da cultura e da sociedade na que vivimos e, polo tanto, a nosa maneira de pensar e de comunicarnos tampouco pode.

Se entendemos esta forte relación que existe entre a realidade e os nosos usos lingüísticos non é difícil comprender por que xorden as propostas de linguaxe inclusiva. As mudanzas na sociedade tamén producen mudanzas na lingua, e son precisamente as persoas que falan as que determinan o seu éxito ou fracaso, por moito que un colectivo recomende certos usos ou que unha autoridade prescriba outros tantos. E, entón, que vai acontecer se triunfan estas propostas? Pode ser efectiva e aceptábel unha ampliación do sistema da flexión de xénero para dar cabida ao novidoso todes? A gramática do galego non semella presentar ningunha limitación para tal ampliación, polo menos desde o punto de vista da morfoloxía. Vai isto deturpar a lingua, como afirman algúns colectivos máis puristas? Non se deturparon as linguas románicas nas que o xénero neutro case desapareceu, nin se está a deformar o alemán pola redución do uso do xenitivo. As linguas non son obxectos preciosos que poidan ser deturpados por un mal uso. Por esta razón, se ben é certo que é moi difícil saber se van triunfar estas propostas, si podemos afirmar que chamarlles aberracións non ten xustificación desde o punto de vista lingüístico, senón que é unha simple verbalización dun prexuízo. Por algo será.

Referencias
— Cabeza, Carme e Susana Rodríguez (2013): “Aspectos ideológicos, gramaticales y léxicos del sexismo lingüístico”, Estudios filológicos 52, pp. 7-27.
— Márquez Guerrero, María (2013): Género gramatical y discurso sexista. Madrid: Síntesis.

Comentarios