Opinión

Asunto: urxente

Estes días o clima en Hamburgo está sendo moi bo, tendo en conta a época do ano. A xente aproveita para pasear e facer as cousas que (aínda) se poden facer. Eu, cando podo, tamén paseo e procuro gozar do clima anómalo. O outro día sentei nun banco a contemplar a paisaxe. Na parte de atrás do banco había un adhesivo no que se podía ler: FCK NZS.

Non é que vos queira contar a miña vida, desculpade pola introdución a este artigo. O que pasa é que ese adhesivo e esas consonantes tan ben combinadas fixéronme pensar nas cousas urxentes e nas que non son tan urxentes.

A concepción do que é urxente e non o é pode ser individual ou colectiva. Iso é bastante obvio. A urxencia colectiva na que podemos pensar agora é a de frear a pandemia, a de facer que a xente deixe de morrer a causa do virus. Semella unha urxencia aceptada por todo o mundo, aínda que os enfoques para resolvela sexan diversos. Porén, hai xente á que lle urxe máis sinalar (non sempre hai que buscar para sinalar) culpábeis, porque pensan (saben) que o ruído non necesita contido para ser ruído. Basta con articular moi forte. O odio tamén pode ser urxente.

A urxencia colectiva na que podemos pensar agora é a de frear a pandemia, a de facer que a xente deixe de morrer a causa do virus

As urxencias colectivas poden aplicarse a colectivos máis ou menos amplos. Un colectivo pequeno pode ser unha familia que se ve asoballada pola urxencia da procura do emprego ou do alimento. Ou un grupo de persoas que traballan no mesmo ámbito e teñen a urxencia de acabar coas condicións precarias ás que se teñen que enfrontar diariamente. Mais un colectivo pequeno tamén pode ser unha elite cultural que precisa con urxencia crear debates e conflitos novos sobre temas cuxa importancia, como acontece sempre, é relativa. A urxencia do conflito semella ser máis urxente que a urxencia do diálogo, mesmo cando somos moi cultas e cultos (ou culturetas) e temos o autoconcepto da suposta superioridade moral (nótese a ironía, por favor) que disque teñen as persoas que, por exemplo, foron á universidade. Temos moitos exemplos sobre a urxencia do conflito triunfando sobre a urxencia da cooperación: véxase, por exemplo, o caso da lingua galega, da súa norma, dos seus problemas, do seu futuro (futuro?). Case sempre urxe o conflito e abonda unha opinión diverxente para esquecer calquera vontade de colaboración. Supoño que isto é o que pasa cando se confunden as urxencias do grupo coas prioridades persoais.

Como xa dixen, tamén existen as urxencias individuais. Estas poden ser máis ou menos íntimas, máis primarias, máis facilmente comprensibles polo resto de individuos, máis ou menos xustificadas do punto de vista da conciencia social. Unha urxencia individual pode estar relacionada cunha enfermidade, cun problema inesperado ou con calquera necesidade diaria. As urxencias colectivas e individuais relaciónanse entre elas: mesmo hai ocasións nas que a urxencia dun individuo acaba por estenderse a toda a sociedade. Unha persoa pode considerar que é urxente acabar cun goberno supostamente terrorista-comunista-zombi e convencer a un grupo máis amplo de persoas de que a súa vontade é digna e verdadeira. E todas esas persoas comezan a compartir unha mesma urxencia.

Temos moitos exemplos sobre a urxencia do conflito triunfando sobre a urxencia da cooperación: véxase, por exemplo, o caso da lingua galega

Estas urxencias individuais , ás veces, nacen da empatía. Outras, nacen do egoísmo e da carraxe. E, case sempre, nin unha cousa nin a outra: nacen de todas esas cousas que non son brancas nin negras, boas nin malas, de todos eses acontecementos que vivimos, que observamos. Nacen de toda esa información que nos vomitan (desculpade a imaxe) enriba. E todos eses ingredientes do cotián veñen a crear pensamentos, opinións (das críticas e razoadas, das críticas e non razoadas e das que simplemente copiamos doutra boca), necesidades e urxencias. E, como individuos con urxencias individuais, convivimos e actuamos.

Algúns individuos consideraron que era urxente queimar, e queimaron. Outros viron na crítica unha urxencia imparábel. Hai quen non ten mais remedio que traballar cada día para frear con urxencia a enfermidade colectiva. E houbo unha persoa que talvez decidiu que era urxente pegar aquel adhesivo naquel banco. Ou talvez non. Talvez non era tan urxente, mais quixo facelo para que unha calquera pasase por alí e lese esas consonantes aparentemente imposíbeis de articular e concordase: FCK NZS.

Comentarios