Opinión

Toma de posición

Se eu fose votante do BNG sentiría un certo desacougo, a necesidade de peneirar fino para diferenciar a calidade do voto consciente  dos momentos de crise  daquel que, en momentos doces, acontece.  Pero tamén sentiría esa harmonía entre acción e opinión  que a política de esquerdas reclama e que é tan difícil concretar. 

Se eu fose votante do BNG sentiría un certo desacougo, a necesidade de peneirar fino para diferenciar a calidade do voto consciente  dos momentos de crise  daquel que, en momentos doces, acontece.  Pero tamén sentiría esa harmonía entre acción e opinión  que a política de esquerdas reclama e que é tan difícil concretar. Sentiríame -con Esquerra como primeira forza en Catalunya e con Bildu como segunda en Euskalerria- parte da Galeuzca republicana, da  paisaxe  que quero labrar, a que me identifica aquén e alén e na que me podo relacionar cos máis.  Aquén, porque foi o BNG quen polinizou todas as formacións que, en apariencia, son as súas competidoras. Porque foi o BNG quen tomou posición a prol da necesidade de institucionalizar a nación  (sen necesidade de agardar por papeis), de dotala de mecanismo específicos e independentes de intervención social,  económica e  cultural –da CIG e até a AS-PG-, de  lugares sen os que a esfera pública nin existiría. Mesmo para  que teñan un aquel de críbel dereita e  esquerda estatais  que actúan en Galiza,  é necesaria a presenza do BNG.

"Mentres a historia adoito avanza polas propostas minoritarias, o Poder  neoliberal pon atrancos  selectivos para que  un país non atine co que lle interesa". 

Mais no caos perfectamente planeado polos propagandistas do sistema, o BNG  semella, mesmo botando man de interpretacións “aberrantes”, que fose declarado obxectivo a abater.  E adoito estes think-tank elaboran unha sorte de manuais de axitación que teñen o seu maior rendemento  ao  aproveitaren  “climas psico-sociais de incerteza”. Para a súa posta en escena utilizan determinadas voces  brancas, algún que outro drom e  unha presada de clixés como ese  revello ideoloxema de que non é posíbel ser de esquerdas e nacionalista nunha mesma peza. Tal se a nación non fose, precisamente,  esa realidade onde  facer efectiva  a igualdade como principio cidadá ou o locus  onde decidir sobre  a política como ben común, sobre os recursos enerxéticos e mineiros, sobre a educación, sobre  o dereito a comunicar ... Por iso  aledoume escoitar por boca  da  antiga dirixente do Bloque, candidata de Izquierda Unida/Anova,  falar da necesidade dunha Banca Pública Galega, unha doa estruturante e imprencindíbel, que lanzou ao debate Xavier Vence cando se produciu o  esfarelamento das Caixas e o aforro de varias xeracións.  

E mentres a historia adoito avanza polas propostas minoritarias,  o Poder  neoliberal pon atrancos  selectivos para que  un país non atine co que lle interesa.  Aínda que teño para min que pola primeira vez dende o abrazo en falso da así anomeada Transición, os pobos que deciden van ser unha das  doas que articule o debate da calidade democrática  tamén en Europa.

Comentarios