Opinión

Xela, benquerida:

“De certo, a vida ía en serio”. Si. Ennobélase nos poemas e os versos vívennos. Tamén Gil de Biedma e antes, para nos falar da seriedade da vida. A mesma xente de nós que nos dicía que só había que estar viva, para morrermos, digo. Ti, vivísima, no meu recordo, pola vida ennobelada na escrita, nós que “xa temos cadáveres amigos/ coñecidos, sabemos da morte o legado inútil”. Despois da labazada, que nos sitúa, para sabérmonos mortais, en calquera segundo, deixámonos de contas e aprendemos. Apostarmos pola vida é non amarmos cadáveres, Xela. Mais é sabermos da cadea, a vida vai en serio, o xogo tamén, o cadáver exquisito beberá o viño novo. Seino aínda que a dor se enquiste, haberá que vivir e que nos vivan Daríos a diario. Sen claudicarmos.

En Mosende semella que é inverno, a xiada está nos aramios da viña, pousada na herba e acariña as laranxas que, tristemente, apodrecen mentres maduran, están enfermas as árbores cítricas, revíranselles as follas. Tamén morreron xa moitas palmeiras, en toda a parte, o escaravello vermello deu cabo delas, o exótico doutros tempos é un lugar baleiro. É fin de ano e o inverno xa non é o que era, tampouco o verán, nótase, levábano avisando, cambio climático. Incendios e arden as entrañas, as enerxías alternativas habitan nos proxectos e a cobiza de sempre segue a mudar paisaxes. Indignación e a celulosa de Pontevedra segue aí e a ameza dunha mina en Touro, a magnitude do seu impacto, a podremia das augas. Xela, foi o centenario de Marx e cada vez, quen ten traballo, traballa máis e, quen non o ten, paga, emigra, morre por telo; hai moitas maneiras novas de escravitude, exquisitas. A sanidade pública en Vigo dá un golpe na mesa, sae a rúa contra os recortes, aplausos cando a cabeza da manifestación baixa por Urzaiz, orgullo e dor. No ensino teriamos que dar máis dun golpe na mesa, para que non rateen mal, pola dignidade do alumando e para podermos exercer a nosa profesión, dotarmos ao alumnado de conciencia crítica. Si, Xela, aprendérmoslles a denuncia do equilibrio. Sen claudicarmos.

Os milleiros de luces do nadal tremen na túa cidade. A prostitución segue aí, cuestionase con anuncios contra o puteiro, mais nin todo o mundo asume que a muller, o ser humano, é mercadoría, que quen ten dereitos paga, que esta escravitude ás veces de gran refinamento, é o sistema. O mesmo sistema que garda minutos de silencio como única arma contra o feminicidio. Xela, seguimos esixindo andar pola rúa soas, sen medo, de noite e de día, correr por lecer e non para fuxir. Seguimos esixindo unha xustiza que defenda a liberdade, que non sexa cómplice dunha manada de machotes violadores, de cazadores nouturnos ou diurnos que converten as mulleres nas súas presas, porque a manada é o sistema. “Pois a relixión destroza”. Xela, o feminismo sae a rúa, “as bragas de nós todas nesta xornada” emocionan, conmocionan, mais non abonda, hai que mudar o sistema, “sacudir do patrón da cabeza e botar fóra a nosa andada”.

Marabilla pasearte/pasearmoste mergullada(s) en ti, coa túa Poesía reunida (1982-2004), anceio do teu pai, Valentín, que termou da túa obra, e magnífico labor de Mª Xesús Nogueira responsábel dunha coidada edición publicada en Xerais, onde trunfan a túa palabra e o pouso dos afectos. Palabras túas para pronunciarmos: Intempériome. Ti, asasina de equilibrios, co necesario desespero, fronte ao mundo en Tigres coma cabalos. Nai, filla, algo a desmán das narracións para o ano en que naciches. Espida e tan oculta. Non fondo dos teus versos, nas palabras que rachas, que inventas, nos berros que lanzas, na páxina que debuxas: “¿Que máis me ten que a min me entendas?”. Pois iso. Sobre todo para quen só miraba as fotos. Non sei se che gustará, eu mesma teño medo, fálase de dedicarche o Día das Letras Galegas, inmaculárona, era necesaria, Rosalía. Volveuselle a arma contra ela. Avisaches. E se te inmaculan? A grandeza de María Mariño segue reducida a unhas liñas na historia da literatura. “Tal sempre mulleres confinadas na construcción doutros”. Xela, poeta amiga, leote/quérote pola vida.

[Este artigo foi publicado no semanario en papel Sermos Galiza número 328]

Comentarios