Opinión

Virginia Torrecilla, vivir coas botas postas

Unha nena soa xoga no recreo do seu colexio de primaria cos rapaces ao fútbol. Os Reis trouxéronlle unhas botas con tacos de goma da marca Umbro. Feliz, vai á escola coas botas nunha bolsa para poñelas no momento de xogar, cando muda os seus zapatos que teñen que ir á forza coa súa saia de uniforme de nena. Un día, cando remata o recreo, ten que ir onda o conserxe, chega moi xustiña á aula e non ten tempo de mudar as botas polos zapatos. Foi chegar e a mestra enganchala polos pelos: que fose a última vez que entrase con botas de fútbol á clase. Era a mestra de inglés. A nena é a directora deste xornal diario.

Eu tamén quixen ter unhas botas con tacos de aluminio, daquela non pensabamos na relación entre a velocidade e as botas dos pés. Eu só pensaba en darlle unha patada, cravarlle eses tacos nas pernas a algún dos tíos que me berraba lindezas cando eu trataba de meter algún gol; era difícil xogar, cando describían a berros a túa anatomía de arriba abaixo e isto pasaba moito e aumenta cando remataba o partido e saías do terreo de xogo. Todo eran atrancos e non se consideraba o fútbol feminino. Teño pensado moitas veces na problemática da muller escritora, nos textos que denuncian esa situación, todos os prexuízos, os obstáculos, desde a "Carta a Eduarda" (1865) de Rosalía de Castro até Como acabar con la escritura de las mujeres, de Joanna Russ (de 1983, traducido ao español no 2018). Penso que se poderían ter escrito moitos libros con títulos semellantes, por exemplo, Como rematar co fútbol das mulleres, ou Como rematar cos anceios das nenas, ou, vendo a violencia vicaria, Como matar unha nai en vida, ou, diante dos datos do feminicidio, Como rematar co querer ser das mulleres. Sei que todas teriamos moitas protagonistas para cada libro.

Eu hoxe felicítovos, xogadoras e nenas que xogastes contra todo ao fútbol, e felicítome. Os meus parabéns para Virginia Torrecilla, para o seu equipo de fútbol, o Atlético de Madrid, e para o equipo que gañou a Supercopa de España, o Barça, nun encontro que nos deu moitas leccións de deportividade, afecto e amor á vida. Case se esquece que gañaron 7-0, non se esquece a ovación, todo o mundo en pé no campo de fútbol das Rozas, cando Virginia Torrecilla entrou no terreo de xogo no minuto 85' por Meseguer, máis ovación cando recibe da capitá Merel van Dongen o brazalete e toda a emoción cando remata o partido e as xogadoras do Barça a mantean e a lanzan ao ar. Velaí a Virxinia coas botas postas, pasara un ano, dez meses e trece días desde que pisara por última vez un campo de fútbol, despois de superar un tumor cerebral e vivir a pena de ver a súa nai parapléxica por un accidente de tráfico.

Obviemos a categoría do campo de xogo, de adestramento para eles, a situación laboral das xogadoras e reivindiquemos igual traballo, igual salario. Velaí a fotografía de Lalu R. Albarán, na portada do Marca, ese xornal, como o As, que só lían eles; a imaxe tirada por unha muller que era a única persoa que facía fotos nos encontros de fútbol feminino. Hoxe, felicítovos, xornalistas, fotógrafas e tamén correspondentes, sobre todo Ángela Rodicio, por contardes e fotografardes a historia, por vos incluír e nos incluír, contra todo.

Comentarios