martes 29/09/20

Terrorismo contra o futuro

Cando che poñen unha corda no pescozo, non te aforcas, AFÓRCANTE. Isto é o que está pasando co ensino público. Coa corda no pescozo, agonía lenta e dolorosa que asasina o futuro da rapazada e mocidade, así está comezando este curso escolar, por moito que os medios de comunicación públicos ao servizo do goberno se esforcen en mostrar outra realidade. Sábese que a escola é necesaria, ficou claro que a “teleformación” non pode substituír nunca ás aulas, a aprendizaxe en grupo.

Se o obxectivo é avanzar dunha educación integradora a unha educación inclusiva, un dereito recoñecido desde 2006, en que ademais de asegurarmos a presenza do alumnado con toda a diversidade funcional, cómpre asegurarmos a súa participación na aula. Se se trata de coñecermos as barreiras que impiden esa participación para as eliminarmos, non podemos falar só de entrar no ensino, trátase de asegurar a pertenza ao grupo.

Educarmos en tempos da Covid-19 é difícil para que ninguén do alumnado “quede atrás”, preocupación fundamental para familias e profesorado, conscientes do que é quedar atrás ou non seguir camiñando, cando ficas definitivamente fóra do grupo, angustia dos últimos meses do curso pasado. Moito foi o que nos esforzamos e aprendemos familias e profesorado.

A Consellaría de Educación non fixo o seu traballo. Supoño que o goberno daquela estaba máis pendente dunhas eleccións que nunca se terían que ter convocado. Tampouco se molestaron moito no verán, como se o virus que arrasa con vidas e muda o xeito de vivir vai marchar dun día para outro. Inprovisación é o que caracteriza a unha consellaría que non se dá conta que a educación non é unha empresa privada e actúa como mala empregadora sen se preocupar polas condicións das traballadoras nin da calidade do produto final.

Mentres as direccións dos centros se enfrontaban a unha nova realidade que obrigaba a cuestionalo todo comezando polo espazo, medindo a seguridade que pasou do metro ao metro e medio, no mellor dos casos. Isto provocou en moitos lugares a imposibilidade de organizar o curso, de programar, sen programación da Consellaría, programar contra todo: falta de lugares para aulas, de profesorado, de desdobres que posibilitarían reducir o alumnado nas aulas. A Covid-19 ofrecíanos a posibilidade de que a educación por fin contase, que fose a prioridade para o goberno como a saúde ou os servizos sociais e non é así. Segue sen ser así, as aulas convértense en aparcadoiros, xa que hai que, por encima de todo, manter aos pais e nais nos seus traballos, da conciliación nin se fala.

Tíñano ben fácil se habilitasen edificios, se contratasen profesorado, se pensasen na calidade do ensino, nos nenos e nenas, na mocidade. Mais non. Chegou un novo-vello Conselleiro, Terminator contra o futuro que, polo de pronto, atenta contra o dereito á folga. Chegou, o Superman, e xa se encargaron de dicir a través dos coros de opinadoras que a Conselleira non tiña cintura. O profesorado está formándose para dar aulas cunha realidade que xa mudou, tratado con desprezo o seu labor, calquera día pode ser substituído por porteiros das discotecas. Trátase de que entren na aula e non se movan. Terrorismo.

comentarios