Opinión

Somnolencia

s nenos fan un buraco na area, agardan que a auga entre e que desapareza; que no seu ir e vir a onda, volva encher o buraco. Outras veces coa marea baixa constrúen un labirinto na mesma area, un labirinto fronte ao mar. E corren pola praia, dan voltas, reviravoltas, pinchacarneiros. O vento arríncalle da cabeza o chapeu ao pai, obrígao a correr e abandonar no cadro o grupo dos figurantes que contempla os nenos. A tarde vai caendo nesas horas diferentes de praia e verán, a silueta fermosa do adolescente lembra a beleza cruel e dirixe a conversa á Morte en Venecia, tamén había pandemia na cidade, tamén as autoridades ocultaban información e temían a fuxida do turismo. Pola noite hai un cometa no ceo que desexamos ver, é difícil por esa contaminación lumínica da que pouco ou nada se fala, que deseña de lonxe cidades nouturnas, que crea outros ceos debaixo do ceo. Tirámoslle fotografías a ese rabo de verdade, que sempre lembramos no rabo da estrela de mentira que penduramos da árbore de nadal; espallaremos as imaxes da cámara desde a Serra do Xistral ao Tegra, desde San Fins e o Aloia ao Pía Paxaro, desde Pena Trevinca a Estaca de Bares, desde Fisterra e o Ézaro ao Galiñeiro, ao Castro e á Picaraña. Montañas e Serras que corren perigo pola cobiza da xente, desde os seus pés ao cume. Queremos crer que o Neowise nos observa desde o firmamento, que a súa luz ilumina eses túneles ocultos, que llos mostra ao mundo; isto é pedirlle un galano aos Magos de Oriente, en quen tamén pensamos, que todo esclareza, que se ilumine. Velaí o desexo. Hai quen pensa que xa nada pode mudar despois do 12 de xullo: a mesma falta de camas nos hospitais, ese desmantelamento programado da sanidade pública, como se as enfermidades, as doenzas e os accidentes marchasen coa Covid-19 de festa, de xantares familiares, de fútbol e de vacacións; a mesma inprovisación de sempre, deixar todo en mans das direccións dos centros de ensinp, o profesorado entrará co alumnado nas aulas, barcos sen luces á deriva, e non hai que ser unha sibila para adiviñar a cadea que nos volverá fechar nas casas ou morrer sen despedidas. Seguen tamén no verán eses traballos sen as mínimas condicións de seguridade, a calor que nos abastece de vitamina D este mes de xullo non o cura todo, esa calor moitas veces asfixia. Asfixia por onde vai a rede do AVE, onde non chega o sol, dentro do túnel escarvado por mans de persoas tamén de linguas ignotas, que constrúen no inframundo o trazado ao que tamén califican de progreso mentres van deixando soños e vida, fálovos de terras de Ourense, non das paisaxes de Matrix.

Todo diante dos nosos ollos se nos esforzamos en dilucidar sinais tan claras como as do cometa no ceo, sinais que nos sitúan na incerteza e no futuro que se tece segundo a segundo, até no desexo voluntario de que contaxien intencionadamente o virus para chegarmos antes a unha vacina, que volverá dividir ceos e infernos.

Mentres nos entra cada tarde a somnolencia do verán, volveremos contemplar a beleza da surfista sobre a ola e esa mesma ola entrará nos labirintos trazados polas mans dos nenos para borralos. De nós depende, situarmos na fronte, a estrela.

Comentarios