Opinión

Sobredo: Saúde e terra

A Covid-19 muda a nosa vida, íllanos e lévanos por camiños máis ou menos dereitiños, da casa ao traballo, do traballo á casa. Afástanos das rúas, das prazas, da celebración das datas sinaladas no almanaque e das do día a día. A pandemia evidencia a convivencia de vellas e novas maneiras de escravitude, cada vez trabállase máis e cada vez deséxase máis ter un traballo para se manter. Difícil artellar comunidade, difícil reclamarmos dereitos, non é doado nin esixir o que xa se tiña conseguido. Tratábase de avanzar, mellorar na atención sanitaria, non diminuír medios, non expedientar a quen a defendeu en Verín.

A atención telefónica non pode substituír nunca a voz dunha médica que, antes de calquera diagnóstico, sempre tranquiliza. Tampouco as aulas virtuais poden substituír o ensino presencial, a comunidade da aula. Hai un coidado, unha atención, non escrita, coa que médicas, enfermeiros, mestres, profesoras regresan á casa, que vai da casa ao traballo e do traballo á casa sempre e que nos diferencia das máquinas. Estes días volvía pensar nas duras e longas xeiras laborais que sempre relacionamos co pasado, coa daquela revolución industrial, de rapazada e mulleres, alá no remate da cadea de produción ou no inicio, sempre no punto menos valorado. Lembrei a quen recolle cartón para vendelo, a quen ten alugada unha cama con roupa compartida por horas para durmir, a quen pon a vida en perigo para comer. Demasiados traballos que matan para sobrevivir. Falta comunidade, falta irmandade, falta un Nós, un artellamento social para defender a dignidade que se lle rouba a moitas vidas. Agora como hai cen anos.

Este próximo 28 de novembro cúmprense noventa e oito anos dos sucesos acontecidos en Sobredo, un lugar pequeno da parroquia de Guillarei (Tui), sucesos que sorprenden aínda hoxe. O sino da igrexa chama para convocar á veciñanza que chega de toda a contorna e se converte en multitude, para apoiar a quen seguindo os acordos do último Congreso Agrario, non vai pagar o foro. Sorprende a violencia esmagadora da garda civil a cabalo, as balas e a morte de Cándida, Joaquín e Venancio, para sempre Mártires de Sobredo. Sorprende a terríbel represión sobre todas as sociedades agrarias. Rematan con elas no 36. Sabían o que facían cando dinamitan o monumento de 1932 levantado no Campo dos Mártires.

A veciñanza de Sobredo e a herdanza daquelas sociedades volve reunirse no lugar en 1986, cincuenta anos despois. Outra vez, por subscrición popular, poñen as pedras do monumento que quedaran no sitio en pé e, desde entón, todos os anos unha procesión laica se desprazou ao lugar para lembrar un día en que as persoas, labregas e labregos, se xuntaron organizadas nun lugar para reclamaren os seus dereitos. Feito que só se estuda nos centros de ensino de Tui e Salceda, que non está nos libros de historia como o saqueo de Roma no 410 ou a crise de 1929. Este ano a Covid-19 impide esta celebración. Haberá flores no monumento, símbolos da herdanza, da irmandade, para reivindicar unha historia que nos pertence. Para volver dotar de significado unha loita, tamén con moitas mulleres sen nome, que é loita de hoxe. Saúde e terra.

Comentarios