Opinión

Sobredo, no mapa dos afectos

O ocorrido o 28 de novembro de 1922 no Campo dos Mártires en Sobredo (Tui) é relato que a mocidade de hoxe herdou das súas persoas maiores, porque corenta anos de ditadura non sempre poden rematar con todo. 

En xullo de 1922 celebrárase en Tui, no Teatro Principal, o Congreso Agrario Galego; nese edificio que hoxe encontramos en ruínas na cidade estiveron representadas cento vinte e catro sociedades agrarias de toda Galiza, nun tempo en que as labregas e os labregos, perto de cincuenta mil, querían e aprenderon a organizarse. Nun tempo que viña doutros tempos máis vellos, que lembraban vellos tratos feudais, en que as persoas pagaban por traballar a terra que non lles pertencía. O foro era un imposto que lembraba á sociedade estamental, que aguilloaba as conciencias, que aldraxaba as mans traballadoras. Entre as conclusións do congreso de Tui apróbase sen discusión a abolición do foro. Decídese ir á folga de contribuíntes, suspéndense os mercados, non se deixa que entren produtos na vila co obxectivo de non pagar máis.

Hai trazado un roteiro que a rapazada nova dos centros de ensino da contorna vai percorrer desde as ruínas do Teatro Principal até o Campo dos Mártires. Semente de futuro, andando a terra desde a toma de decisión até a acción na defensa dos dereitos; lembranza das persoas que ao sentiren a chamada dos sinos deixaron o que andaban a facer e botáronse aos camiños para ir até Sobredo, onde lle ían embargar os bens a un veciño por se negar a pagar o foro. Este día 28, cen anos despois, activarán a memoria. Aprenderán que en 1926 sae a lei de redención dos foros, que non foi abolición. Poida que alguén lles diga que para acceder á propiedade da terra a emigración foi o camiño, tamén para moitas rapazas novas que traballarán para mandar os cartos para as terras. 

Chegarán ao pé do monumento, ao que lle dicían estatua, erguido en 1932 por un escultor que posou orgulloso diante del: Camilo Nogueira Martínez. Alí debullarán os feitos, dirán os nomes dos mártires, relacionarán o de Candida Rodríguez, coa nai galega que deu o seu sangue. Poida que lembren Chinto Crespo, o lider de Teis, mestre, que falaba nos mintíns agrarios en galego, que non chegou ver a obra, ou Enrique Jaso, que falara no congreso polo agrarismo de Tui, o mesmo que meteron preso hai cen anos, o mesmo que fusilaron no 36; poida que pensen nas outras mulleres que estiveron alí, nas feridas ese día, como Josefa Alonso Martínez, de Guillarei; nas que viñeron despois e falaron, e se recoñezan nas que agora van recitar poemas e ler textos, nas que fan música e bailan; mocidade que toma a palabra, mocidade que sabe que tamén vén de quen estivo alí antes. Saberán que en 1936 o monumento foi dinamitado, que en 1986 foron descubertas as pedras entre as silveiras e que en 1988 o asociacionismo, o volveu poñer en pé e que cada ano, en homenaxe laica, sempre lembramos a historia e que Sobredo está no noso mapa dos afectos. 

Entón moitos poemas de Rosalía de Castro, de Curros Enríquez, de Marta da Costa en que a paisaxe nos avisa, de Brais González Pérez coa forza de Sobredo de fondo, terán sentido.

Cabanillas ten sentido e razón de ser sobre todo se o coro Cantares do Brión nos regala a magnífica interpretación do seu Miserere, só desexamos dicir, tamén ás/aos ensinantes: Benzón.

Comentarios